Máis concellos para a Rede Ágora da Deputación de Pontevedra que incrementado o espazo público

O persoal técnico da Deputación de Pontevedra visitou uns 15 concellos que solicitaron asesoramento para "implantar políticas urxentes de recuperación de espazo público".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2020 | Actualizada ás 16:29

Comparte esta noticia

Un total de 44 dos 61 concellos da provincia adheríronse a Rede Ágora da Deputación de Pontevedra "co compromiso de aumentar o espazo público para as persoas", informou o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos, Uxío Benítez.

Ágora é unha rede de acción institucional a favor de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía. Un dos seus fundamentos é que o espazo público forma parte substancial da vida das persoas como escenario natural da vida colectiva.

Os concellos que formen parte desta rede comprométense a realizar políticas de recuperación dos seus espazos públicos e  fomentar as mobilidades alternativas nolos seus termos municipais. O obxectivo é que de aquí a xuño de 2023, os 'Concellos Ágora' incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclables.

Uxío Benítez e a secretaria técnica da 'Rede de Cidades que Camiñan', Ana Montalbán, compareceron este mércores en rolda de prensa para dar conta desta "gran acollida" da Rede Ágora. "Queremos que os números a xuño de 2023 mostren que a rede serviu de algo", manifestou Uxío Benítez.

Ademais, o deputado do BNG explicou que a esta iniciativa "adheríronse concellos de todo tipo" xa que "a filosofía pode implantarse en calquera deles, ata o máis pequeno", abundou.

O persoal técnico da Deputación de Pontevedra visitou uns 15 concellos que solicitaron asesoramento para "implantar políticas urxentes de recuperación de espazo público".

"O resultado é máis que satisfactorio pola nosa banda", valorou Uxío Benítez, que indicou que non se descarta unha nova apertura de prazos de adhesión.

A inclusión na Rede Ágora suporá para os concellos a participación en programas e axudas provinciais, a recepción de asesoramento por parte de persoal especializado, a captación de recursos externos para financiar proxectos (especialmente fondos europeos), a representación nas redes 'Cidades que Camiñan' e 'Cidades pola Bicicleta'), a participación en cursos, conferencias e exposicións, así como no impulso en accións de sensibilización nos centros educativos.

Pola súa banda, Ana Montalbán, agradeceu que a Deputación se integrase á Rede de Cidades que Camiñan e felicitou ao deputado pola iniciativa de Ágora, "xa que nos parece un proxecto fantástico e unha maneira moi interesante de investir o diñeiro".

Finalmente, destacou que os 10 principios de Ágora son "practicamente os mesmos" que os da Rede. "Por iso cremos que a nosa colaboración é moi interesante", concluíu.

Sequoias da Leira Forqueiros (Bueu, Pontevedra).
Sequoias da Leira Forqueiros (Bueu, Pontevedra).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta