Por GC Tendencias | Santiago | 11/04/2013 | Actualizada ás 09:51
O consello da Academia, que preside Manuel Campo Vidal, deu a coñecer este galardón na categoría de Autonómicas, que se suma aos recoñecementos das outras 20 categorías que se destacan nos 15 Premios Iris.
Gayoso, que cumpre nesta temporada 20 anos á fronte de “Luar” sendo líder de audiencia en Galicia, sinalou estar moi satisfeito e engadiu que este “é un premio para todos os comunicadores e para toda a televisión, porque eu me acordo de todos os compañeiros neste momento. Momento moi agradable e moi doce e a disfrutalo e a seguir traballando”.
O codirector e presentador de “Luar” recollerá este galardón en recoñecemento a todos estes anos de traxectoria profesional, nos que realizou un espazo musical e de humor único no seu xénero, que abrangue cada semana arredor das tres horas de emisión en directo.
O total dos 15 Premios Iris elíxense entre máis de 200 candidaturas presentadas polas canles de televisión, produtoras e profesionais. O consello da Academia seleccionou ademais, no apartado de Autonómicas, á Mellor presentador/a de Informativos (Natividad Melendre, de CyLTV Noticias), Mellor ficción (Tornarem, de TV3), Mellor programa de actualidade (Madrid Directo, Telemadrid), Mellor programa de entretemento (Tiene Arreglo, Canal Sur) e Mellor informativo (Aragón Noticias 1).
A gala de entrega dos 15 Premios Iris da Academia de Televisión terá lugar o próximo 25 de abril no Gran Casino Aranjuez. Esta xornada coñeceranse tamén os gañadores das restantes 20 categorías, que se escollen cos votos dos académicos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.