Ecoloxistas comezan a rexenerar os leitos dos ríos danados en Ourense ante a ausencia da Xunta

"O chapapote corre monte abaixo e case ninguén fai nada", denuncian. Amigas das Árbores di que a Xunta aínda non enviou nin técnicos para avaliar os danos.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 28/09/2020 | Actualizada ás 10:17

Comparte esta noticia

Amigas das Árbores denuncia a falta de acción por parte das autoridades galegas para evitar a erosión dos montes queimados. Declaran tamén que os acuíferos perto das áreas calcinadas están recollendo a cinsa do chan, arrastrada pola choiva.  “Estivemos onte --sábado- na Ermida, Rebordechau na Serra de San Mamede, no Macizo Central Ourensán e o "Chapapote do monte" vai monte abaixo arrastrando cinsa, terra, restos orgánicos e facendo caborcos” sinalan desde a asociación. Por iso, un grupo de membros da entidade e voluntarios comezaron a rexenerar con palla algúns dos leitos dos ríos afectados polos incendios.

Integrantes de Amigas das Árbores avaliando un monte queimado
Integrantes de Amigas das Árbores avaliando un monte queimado | Fonte: amigas das árbores

Alertan que o arrastre de materia orgánica, o arranque e posterior arrastre da capa esencial do chan está acabando nas correntes de auga. “No caso do Alto Arnoia contaminando e estragando o ecosistema fluvial deste afluente do Miño”.

Amigas das Árbores tamén denuncia que en montes do Xurés-Gerês, de Queixa, de Cualedro, de Manzaneda, de Vilariño de Conso e outras zonas moi castigadas polos lumes deste verán, está pasando o mesmo “o "chapapote" monte abaixo sen que caseque ninguén faga algo, centos de hectáreas todo calcinado”. Así, desta maneira relatan que a  terra nesas áreas quedará “inservible para unha morea de anos, danos nada doados de reparar”.

Reclaman medidas urxentes e imprescindibles para evitar a erosión. Por iso indican ás autoridades que é necesario comezar a restauración inmediata dos montes calcinados. Piden tamén axudas ás poboacións afectadas.

Engaden que o pasado sábado 26 de setembro os apicultores e gandeiros das zonas queimadas estaban avaliando os danos. Ademais de que “tamén había batidas de caza, vehículos todo-terreo ao chou”. E sinalan que a veciñanza informou de que “non viron aínda o persoal da Xunta de Galicia avaliando os danos ou facendo traballos nas zonas afectadas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta