As hipotecas sobre vivendas afúndense un 40,2% en xullo en Galicia, case o dobre que a media

É o segundo maior descenso por CC.AA., despois do de Castela-A Mancha (-42,8%) e por diante do de Navarra (-37,1%)

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/09/2020 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas inscritas nos rexistros da propiedade situouse en 743 o pasado mes de xullo en Galicia, cifra que supón un descenso do 40,2% respecto ao mesmo mes de 2019, segundo os datos que publica este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE).

En variación mensual, respecto de xuño, as hipotecas sobre vivendas baixaron un 7% na comunidade galega. Ademais, as 743 operacións supuxeron capital prestado por valor de case 78,91 millóns de euros, un 33,6 menos que en xullo do ano e pasado e un 8,7% menos que no mes anterior.

Sobre o total de leiras, constituíronse en Galicia 1.093 hipotecas por un importe de 116,02 millóns de euros: 42 en leiras rústicas (por 4,21 millóns) e 1.051 en urbanas (por 111,81 millóns). As hipotecas sobre leiras urbanas distribúense entre as 743 en vivendas, sete correspondentes a solares (por 1,51 millóns) e 301 noutra clase de leiras urbanas (por 31,38 millóns).

Tanto as hipotecas en leiras rústicas (34 de 42) como en urbanas (984 de 1.051) asináronse fundamentalmente en bancos, fronte a outras entidades. Ademais, houbo 1.426 cancelacións: 101 sobre leiras rústicas, 892 sobre vivendas, 18 sobre solares e 415 correspondentes a outra clase de leiras urbanas; tamén a maior parte subscritas en bancos (1.332).

DATOS ESTATAIS

No conxunto estatal, o número de hipotecas constituídas sobre vivendas inscritas nos rexistros da propiedade situouse en 26.014 o pasado mes de xullo, cifra que supón un 23% menos que en igual mes de 2019.

As comunidades con maior número de hipotecas constituídas sobre vivendas en xullo foron Andalucía (4.598), Cataluña (4.400) e Madrid (3.833). Só País Vasco presentou en xullo unha taxa interanual positiva no número de hipotecas sobre vivendas, cun avance do 38,4%. Por contra, o resto rexistraron descensos, especialmente Castela-A Mancha (-42,8%), Galicia (-40,2%) e Navarra (-37,1%).

Evolución das hipotecas en Galicia. EPDATA
Evolución das hipotecas en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta