Por Galicia Confidencial | Compostela | 29/09/2020 | Actualizada ás 20:46
A parlamentaria socialista, Noa Díaz, trasladou este martes ao director xeral da CRTVG a esixencia do PSdeG de dar cumprimento á Lei de medios públicos de Galicia “dunha vez por todas” e a que poña “fin a manipulación informativa” por parte do PP. "É máis necesario ca nunca que a TVG cumpra coa misión de servizo público para a que foi creada”, dixo
A deputada do PSdeG, defendeu na Comisión de control da CRTVG a necesidade de “poñer fin ao uso partidista que a Xunta do PP” fai da radio e televisión pública, e que na actualidade derivou “nun preocupante descrédito e deterioro informativo”. A socialista lembroulle a Sánchez Izquierdo que as denuncias sobre a ausencia de pluralidade “veñen de moitos colectivos como Defende a Galega, o Comité intercentros da CRTVG ou o Colexio de Xornalistas”.
A través dun comunicado, a socialista explicou que aínda que “o problema non é novo”, foi neste contexto de pandemia e precampaña e campaña electoral cando “a manipulación informativa e o control político” se intensificaron ata niveis “escandalosos”. Para a deputada socialista “o acaparamento dos telexornais por parte de Feijóo ao tempo que se silenciaban as declaracións dos partidos da oposición non ten xustificación democrática”.
Neste sentido, a parlamentaria preguntou ao director xeral da CRTVG que valoración fai das denuncias arredor desta situación, e sinaloulle exemplos concretos. Entre outros, o acontecido nunha xornada de campaña electoral “nun día en que Feijóo visitou Verín e foi recibido cunha gran cazolada dos veciños, unha protesta recollida en tódolos medios mesmo estatais e silenciada na TVG”.
En cambio, Díaz criticou que “collendo ese mesmo día e o mesmo espazo electoral no mesmo informativo” a nova destacada da TVG foi que ás portas do mítin do candidato socialista, Gonzalo Caballero, había unha concentración de traballadores de Alú Ibérica. A mostra para a deputada socialista “da ausencia de criterios informativos e obxectivos” na edición dos telexornais.
Ao fío disto, a deputada do PSdeG lembrou nesta comisión de control que as traballadoras e traballadores da CRTVG “levan xa 123 venres negros vestindo de loito e reclamando que se respecten os principios de pluralidade, imparcialidade, neutralidade e veracidade informativa”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.