Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2020 | Actualizada ás 09:00
A loita do profesorado con xordeira comeza a coller forza. Días despois de que se dera a coñecer o caso da profesora coruñesa desatendida polas institucións comezan a xurdir as primeiras respostas sindicais en apoio a unha problemática ata agora ignorada. A formación STEG vén de elevar unha petición á Consellería para demandarlle que "tome medidas" para resolver as problemáticas do alumnado e profesorado con diversidade funcional auditiva.
A principal complicación desetes membros da comunidade educativa é que, coa máscara, resulta imposible ler os beizos dos demais interlocutores; o que na práctica imposibilita a comunicación entre alumnos e docentes. Tal e como explicou o xornalista Xián Lois Alcayde, que días atrás denunciou o "abandono" das institucións á súa nai, esta situación deixa ós docentes sen poder exercer a profesión na práctica.
Con todo, e tal como explica o sindicato, existen solucións que poden servir para poñer fin ou minimizar a problemática que estes días está collendo relevancia. Unha delas sería a dotación de intérpretes de linguaxe de signos, ou de softwares de subtitulado automático para os claustros profesorais. O problema, defende o sindicato, é a "ausencia" destas facilidades "en centros que así o precisan".
REUNIÓNS CON GRUPOS DO PARLAMENTO
Fronte a esta circunstancia, o STEG anuncia que vén de rexistrar un total de dous documentos nos que pide á Xunta que "avance na resolución destas problemáticas". O sindicato entende que o actual contexto sanitario "non debe impedir que o profesorado e o alumnado con diversidade funcional vexa comprometidas as súas condicións de traballo", no caso dos profesores "e o seu dereito á educación en condicións de igualdade" no tocante ó alumnado.
De xeito paralelo, a formación sindical vén de anunciar que xa "iniciou contactos con algúns grupos parlamentarios" para facer chegar a denuncia dos docentes á cámara galega. Segundo destacan os grupos "mostraron intención de levar estas situacións ó Parlamento", de xeito que "nos próximos días" as palabras veranse concretadas en reunións coas traballadoras afectadas, sosteñen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.