O conselleiro de Medio Rural compromete unha nova lei "consensuada" de prevención de incendios en 2021

Presentará este ano a estratexia para o sector lácteo, mentres iniciará a do cárnico co obxectivo de "subir os prezos".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/10/2020 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, compromete que Galicia terá unha nova lei "consensuada" de prevención de incendios en 2021. "Hai unha lei de 2007, despois de 13 anos de experiencia na prevención e a extinción temos que darlle un impulso", asegura o conselleiro nunha entrevista con Europa Press. Tras contar cun informe de expertos sobre o sistema de extinción, agora iniciarase a fase de consultas. "Estes días estamos a pór en marcha os grupos de traballo do servizo para ser capaces de coñecer a súa opinión de cara a construír esa nova lei, que é un compromiso de lexislatura e que imos ter preparada en 2021", explica.

O conselleiro de Medio Rural, José González, no seu despacho
O conselleiro de Medio Rural, José González, no seu despacho | Fonte: Europa Press

Haberá "uns 60 participantes" nestes grupos, 50 do servizo e unha decena do Consello Forestal. O obxectivo é que sexa un texto lexislativo "consensuado", xa que "é un problema de todos".

En febreiro de 2019, nunha comparecencia na Cámara galega, o conselleiro asegurou que este texto estaría listo na pasada lexislatura, do mesmo xeito que a lei de recuperación de terras. Con todo, González achaca este atraso no seu desenvolvemento a que "coincidiu con períodos electorais". Ademais, "a COVID dificultou falar co servizo", á vez que provocou "un cambio" na programación de ambas as normas.

Pola súa banda, o texto de recuperación de terras chegará "con certeza" ao Parlamento galego "antes de termine este 2020".

SUPERFICIE QUEIMADA POR BAIXO DA MEDIA PREVISTA

Todo iso, despois de que Galicia pechase un verán con incendios que afectaron de forma especial á provincia de Ourense, cunha incidencia acusada na reserva natural do Xurés. Con todo, hai "datos esperanzadores" como que "cada vez hai máis concienciación na limpeza".

A falta dos datos definitivos de hectáreas arrasadas, González avanza que a superficie queimada está "por baixo da media que estaba prevista", nun ano co obxectivo de que non ardesen máis de 17.000 hectáreas. A peor semana foi a do 12 ao 17 de setembro, na que "arderon 9.700 hectáreas".

Ademais, está a realizarse un informe de cada un dos grandes incendios do verán, con custos e danos ambientais, así como enquisas aos traballadores para "saber en que fallamos". "Todo se pode mellorar", di.

"Sorpréndeme que custe tanto dicir que a maior parte dos incendios en Galicia son intencionados, non pasa nada", reflexiona.

Asegura que tamén se traballará na futura lei en reforzar a investigación, que "ten que recaer en axentes ambientais da Consellería de Medio Rural", xa que "son os que coñecen o territorio e falan coa xente", á vez que se debe mellorar a súa formación.

E é que "é moi complicado pillar 'in fraganti' aos incendiarios". "Na maioría dos casos se se colle 'in fraganti', o incendio non ten moitos danos, e os incendios grandes é difícil demostrar a súa autoría", agrega.

MELLORAR AS CONTORNAS

Unha das cuestións que se priorizará na loita contra o lume será a de "colocar descontinuidades no territorio" a través de pasteiros ou polígonos agrogandeiros, que servirán como devasas naturais en zonas de especial incidencia de incendios.

A idea é crear "descontinuidades alí onde os técnicos trasladen que mellor podemos evitar que o incendio se faga grande". "Se temos que facer un pasteiro e temos que escoller o sitio, coloquémolo onde os técnicos nos digan".

Aquí xogará un papel importante o impulso á lei de recuperación de terras, con mecanismos como as aldeas modelo, coas que tamén se busca atraer xente ao rural e loitar contra o despoboamento.

Incide en que "é certo que hai partes que polo estado do territorio as consecuencias son máis graves". Pon de exemplo a zona de Monterrei con "moitas concentracións parcelarias abandonadas".

Por iso, aí débese "actuar de forma estrutural". "Non é só acabar cos incendiarios, se a contorna non está preparada fronte aos lumes, aínda que haxa poucos incendiarios imos ter sempre incendios de gran tamaño".

Respecto dunha recente proposta lanzada polo Foro Económico de Galicia para penalizar aos donos de terreos abandonados, o conselleiro replica: "No 20% do territorio da provincia de Ourense a quen penalizamos? Se non se sabe nin quen son os propietarios". "Iría máis pola vía de potenciar a rendibilidade dunha terra extraordinaria antes que penalizar o seu abandono", observa.

ORZAMENTOS E PAC

Hai uns días o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que os orzamentos do Goberno galego irán á baixa en 2021. Preguntado pola posibilidade de recortes, José González espera que "non afecten á Consellería de Medio Rural pola importancia que ten no territorio o seu ámbito sectorial".

Así mesmo, está en xogo unha baixada do 10% no orzamento da futura Política Agrícola Común (PAC). "Desde unha posición de lealdade ao Estado, é conveniente seguir defendendo en Europa a necesidade de dotar aos nosos agricultores e gandeiros do mesmo diñeiro que tivemos no período anterior", remarca.

Avisa de que "a negociación non acabou", á vez que vai loitar " para que parte dos fondos de reconstrución vaian tamén para o sector primario".

De cara aos próximos orzamentos e á lexislatura que comeza marca dous eixos: a recuperación do territorio e o impulso da calidade alimentaria. Estas dúas tarefas terán como "pancas" as axencias Agader e Agacal.

Cre que se necesita "impulsar" a calidade agroalimentaria galega a través dunha "marca paraugas" coa que facer unha promoción conxunta, de forma que se consiga o obxectivo final de "incrementar o valor engadido". Sobre este extremo, recoñece que "unha das materias pendentes" é a do impulso da horta galega de verán e inverno.

LÁCTEO, CÁRNICO E MEDIDAS FRONTE AO CORONAVIRUS

Así mesmo, este ano presentarase a estratexia para o sector lácteo, despois de realizar enquisas a uns 300 gandeiros, así como a industria e distribución. Fomentará o pastoreo e trabállase nun programa que permite calcular custos de produción por rango de explotación.

Destaca que nos oito primeiros meses do ano os gandeiros lácteos en Galicia incrementaron a súa rendibilidade un 7,2% respecto ao mesmo período de 2019, cun ingreso de 628 millóns --42 máis--.

Xunto a isto, vaise a iniciar a estratexia do sector cárnico na que se apostará pola IXP Tenreira Galega. En ambos os casos búscase "ser capaces de subir os prezos".

Para a reactivación do rural polo impacto da COVID-19, resalta medidas como o decreto de artesanía alimentaria, "que se presentará este mes". Tamén en outubro convocarase a orde de axudas para o vacún de carne e a planta ornamental, dous dos "sectores máis afectados".

Igualmente en outubro sairá o préstamo para "botar unha man" na compra de uvas de vendima deste ano. Considera "bastante respectable" a colleita de 2020 en cantidade, cunha "calidade extraordinaria". Só se rexistraron 21 positivos entre as 4.343 probas realizadas.

Noutra orde de cousas, o conselleiro valora que se está controlando a praga da pataca e "estase cumprindo que non chegue a zonas de produción como Coristanco e Xinzo".

Tamén adianta que haberá "boas novas" contra a avespa do castiñeiro "antes de que remate o ano", pois os técnicos informan de que hai resultados "moi esperanzadores" coas soltas dos parásitos 'Torymus'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta