Enrique Liste na memoria

Hoxe vou ter unha lembraza para Enrique Jesús Liste. Na casa tirábanlle por Jesús. Tal foi a súa sona entre as tropas republicanas que o poeta Antonio Machado dedicaralle un poema que remata dicindo: “Si mi pluma valiera tu pistola /de capitán contento moriría”. Sentíase orgulloso dese poema machadiano. Se se lle pedía, con moito rubor, recitábao.

Por Xosé Glez. | Redondela | 15/10/2020

Comparte esta noticia
A primeira vez que o coñecín foi pola volta de 1978 na casa familiar de Ameneiro, en Teo. Levárame Luís Soto, que fora director de Nova Galicia, unha publicación que se distribuía nas frontes de guerra. Despois de chegarmos á hora acordada para almorzar, ás 10 da mañá, recibíunos na casa da aldea na que moraban as súas irmás, Aurora e Manuela, ambas as dúas manifestaban unha gran adoración polo irmán.
 
Aquel día chegamos ás dez da mañá e despedímonos pasadas as doce da noite. Sen apenas movernos da mesas na que almorzamos, tomaramos a parva, xantamos, merendamos e ceamos, sen solución de continuidade, como se adoita dicir. Ese día, escoitando falar a Luís Soto e Enrique Lister, aprendín máis que un estudante de historia contemporánea na Facultade. Íanse sucendendo feitos e anécdotas clarexadoras para coñecer o que acontecera no primeiro terzo do século pasado. Líster –o seu verdadeiro apelido era Liste- falaba de Mao-Tse-Tung, Hô Chi Minh, de Ernesto Che Guevara, Fidel Castro, Stalin, Dimitrov, de Kruschov ,etc., e de todos os dirixentes de sona internacional, con coñecemento de causa por telos tratados persoalmente. 
 
As primeiras horas da conversa pasounas falando en castelán cun sotaque metade galego metade ruso, malia que Luís Soto lle insistía para que o fixese en galego. A iso do medio día rompeu a falar en galego tan correctamente que mesmo o léxico delatábao como un galegofalante que fora nos seus anos mozos.
 
No momento que centrou o seu interese por min -Luís Soto, sempre tan xeneroso comigo contoulle loas de min - díxenlle que sabía del dous datos biográficos seus que ninguén máis sabía. Arregalou aqueles seus ollos coroados polas densas cellas que tiña, e preguntoume: 
-Que é iso que só sabes ti?
-Que non és de Calo; porque teño entendido que naciches en Piso, parroquia de Arcos de Furcos, do concello de Cuntis, fronte á miña, Couselo, repondínlle eu de corrido.
- Pero tamén sei - proseguín- que te iniciaches no oficio de canteiro con Manuel González Cernadas, sobriño neto do Cura de Fruime, e que tiñas de compañeiro a Xoán Xesús González, fundador da Unión Socialista Galega, “paseado” en 1936.
-Quen che contou todo iso?-, preguntoume soprendido.
- Meu, pai, que era fillo de Manuel-, remachei.

Enrique Lister con Hemingway
Enrique Lister con Hemingway
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA