O PPdeG critica ao Goberno por "abusar" do Estado de Alarma e critica o seu "carácter restritivo"

Pide na Cámara galega que o Goberno central modifique a lei de saúde pública fronte á pandemia. A oposición critica o "afán de protagonismo" de Feijóo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2020 | Actualizada ás 21:09

Comparte esta noticia

O Partido Popular pediu este martes que a Cámara galega emprace ao Goberno de España a acometer, "canto antes", os cambios normativos necesarios na Lei de Saúde Pública para "actuar ante a covid-19 con plenas garantías e seguridade xurídica". Unha petición que espertou o rexeitamento da oposición, que critica o "afán de protagonismo de Feijóo" e acusan aos populares de tratar de "vender fume".

En concreto, a proposición non de lei dos populares galegos foi defendida polo seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, quen subliñou a importancia de cambiar a normativa para non ter que recorrer a un Estado de Alarma que, ao seu xuízo, "viuse insustentable no tempo" pola súa "esencia" e "carácter restritivo" das liberdades.

Pedro Puy considerou que houbo "un certo abuso" por parte do Executivo estatal desta ferramenta, que "non foi en ningún caso acordada", e que, ademais, "utilizouse para cuestións que non tiñan nada que ver" ao vincular medidas como os ERTE á súa vixencia.

Fronte a iso, lembrou que a Xunta, que "deu marxe de actuación ao goberno para reformar con urxencia a lexislación", "anticipouse" e "mesmo mandou un borrador" para modificar a normativa. "É certo que calquera comunidade autónoma pode atoparse con problemas para aprobar medidas efectivas para a xestión da pandemia", subliñou Puy, que pediu aos grupos que "apoien e impulsen a aprobación dunha norma que garantiría unha mellor loita contra a pandemia".

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

O primeiro en intervir tras Pedro Puy foi o socialista Pablo Arangüena, quen defendeu unha emenda que foi rexeitada polos populares e subliñou que lle corresponde ao Parlamento do Estado abordar a modificación das leis orgánicas. Neste sentido, emprazou aos populares galegos a "chamar a Casado" para que presente a petición na Cámara baixa.

Ademais, criticou que "o líder do PP en Galicia, no seu infinito afán de protagonismo e cargándose polo camiño a Montesquieu, queira pasar á historia por inventarse un novo xénero de iniciativa lexislativa".

Pola súa banda, a deputada nacionalista Montse Prado enmarcou a iniciativa defendida polo PP na actitude de "vender fume" e de "telepredicador" que, na súa opinión, caracteriza ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Segue sendo un espectáculo como cambian o 'atrezo' pero manteñen o guión", sostivo a parlamentaria do Bloque, que criticou que a Xunta se limite a dicir que "todo o que fai, faino ben" e que se algo "se fai mal" é "porque o fan outros" ou porque "non ten instrumentos".

Comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, durante o estado de alarma polo covid-19. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo
Comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, durante o estado de alarma polo covid-19. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta