O BNG acusa de "neglixencia" á Xunta polo brote da residencia de Barbadás que levará ao Parlamento

"Desde hai tempo había datos que advertían da existencia dun perigo verdadeiro de contaxio en Barbadás", dixo o deputado Iago Tabarés.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2020 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia

O BNG presentou tres iniciativas no Parlamento galego para interpelar á Xunta sobre o último brote de coronavirus detectado na residencia de maiores Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, onde se contaxiaron máis de 60 persoas, entre usuarios e traballadores, e ante o que a formación nacionalista acusou á Xunta de "neglixencia".

Nas distintas preguntas parlamentarias rexistradas polo deputado por Ourense Iago Tabarés, o BNG pide "explicacións" ao Goberno galego polas medidas preventivas implantadas no centro e pregunta se se incorporou algunha máis de carácter complementario por mor da declaración de Barbadás en nivel 3 de alerta e o seu peche perimetral.

O caso do novo brote por covid-19 nesta residencia resulta para o deputado nacionalista "especialmente elocuente do neglixente proceder da Xunta", xa que o centro é de titularidade e xestión do Goberno galego e rexistrara seis positivos semanas antes, ademais de estar situado "nun concello sometido a fortes medidas restritivas".

"Desde hai tempo había datos que advertían da existencia dun perigo verdadeiro de contaxio en Barbadás", dixo Tabarés, que considera "evidente" que, nesta situación, era "imperativo extremar ao máximo a medida de prevención", especialmente en centros tan "vulnerables"

Iago Tabarés preguntou tamén á Xunta sobre as datas e resultados das PCR realizadas na residencia, polas variacións experimentadas no seu persoal e polas modificacións introducidas no plan de prevención de riscos laborais para reducir o perigo de contaxio entre os traballadores.

A CIG RECLAMA MÁIS MEDIOS

Pola súa banda, o sindicato CIG considerou o sucedido parte dunha "crónica anunciada", que atribuíron ao "escurantismo" da Xefatura Territorial de Ourense, que "se nega constantemente a facilitar datos de contaxios e, sobre todo, a facilitar os medios de protección adecuados.

"Na CIG apostamos desde o primeiro día que empezou a segunda onda por previr as consecuencias e, de acordo con isto, pór todas as medidas de prevención que fosen necesarias, empezando por dotal de persoal suficiente e proporcionar os medios individuais de protección adecuados", apunta a CIG.

Por iso, reclaman que se dote de máis persoal ás residencias públicas de Galicia e, especialmente, á de Barbadás, onde é "urxente" dispor de máis persoal "tanto de servizos como de atención clínica".

Un traballador protexido é visto por un dos cristais da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un traballador protexido é visto por un dos cristais da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta