O director da CRTVG, disposto a continuar no cargo: "Non me vexo esgotado, todo o contrario"

Sánchez Izquierdo presentou no Parlamento a memoria de 2019, no que a CRTVG emitiu un 96% de contidos feitos en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/10/2020 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, mostrou a súa disposición a continuar no cargo mentres o Parlamento de Galicia non se expoña a súa substitución nun posto que ocupa desde o ano 2009. "Eu non me vexo esgotado, senón todo o contrario", respondeu Sánchez Izquierdo na súa comparecencia ante a Cámara na comisión de control sobre o ente público, onde a deputada do BNG Olalla Rodil puxo en cuestión a continuidade do director da CRTVG, "perpetuado no cargo" a través dun "subterfuxio legal" como, di, é a lei de acompañamento aos orzamentos.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo
O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo | Fonte: Europa Press.

"Se vostede me ve esgotado, delle saída a buscar un novo director", apuntou Sánchez Izquierdo, que defendeu que o "importante son os feitos" como a posta en marcha dun "plan de accións e actuacións" para o ente público de cara aos próximos meses.

"Por eses novos escenarios vai pelexar a dirección", engadiu despois de asegurar, en resposta ás críticas lanzadas polos grupos da oposición (PSdeG e BNG), que a Lei de medios está "moi cumprida" e que os "dous ou tres puntos claves" que non son achacables á dirección da CRTVG.

MEMORIA ANO 2019

Sánchez Izquierdo compareceu este xoves ante a comisión de control da CRTVG para debullar a memoria do ano 2019, da que destacou que "o 96%" dos contidos emitidos "foron de orixe galega".

Deste xeito, segundo os datos ofrecidos polo director de rádioa televisión pública, a produción propia ocupou o 50,6% da grella da TVG e a segunda canle (G2), mentres que a produción propia externa foi do 45,95% e a allea, do 4,35%.

Outro dos aspectos que puxo sobre a mesa foi a contribución á "internacionalización" do audiovisual galego e o seu "posicionamento" nas plataformas de contidos baixo demanda e o panorama cinematográfico, con especial relevancia no éxito alcanzado pola película 'O que arde', o filme en galego máis taquilleiro da historia e que figura como preseleccionada para representar o cinema español nos Óscar.

Como exemplo diso, sinalou que a serie 'O sabor das margaridas' figurou entre as 10 series de fala non inglesa máis vistas da plataforma Netflix ou a compra dos dereitos de emisión de 'Serramoura' por canles de Rusia e Estados Unidos e, máis recentemente, por HBO.

Así mesmo, Sánchez Izquierdo tamén se detivo no proceso de "renovación dixital" emprendido no ente público ao longo dos últimos anos e que viviu en 2019 "un punto de inflexión" coa creación do servizo 'G24.gal'.

Así, aumentaron entre un 6 e un 9 por cento as visitas á páxina web da CRTVG, que xa se realizan unha de cada catro veces desde as redes sociais e en dispositivos móbiles.

Todo este proceso de "adaptación" dos profesionais e de "tensións" que soportou a "estrutura tecnolóxica", permitiu, segundo Sánchez Izquierdo, que o ente público "dese resposta" ás necesidades informativas dos galegos durante os primeiros meses da pandemia.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Durante a súa quenda, os grupos da oposición, representados polas deputadas Olalla Rodil (BNG) e Noa Díaz (PSdeG) criticaron o balance ofrecido polo responable do ente público, ao que afearon que "trate de vender como logros cousas que non son tal".

A parlamentaria nacionalista detívose na caída das cifras de audiencias, que se sitúa "xa por baixo" da barreira "dos dous díxitos" con menos do 10% de media, o que reflicte, segundo Rodil, que existe "un problema para captar público e retelo", esencialmente entre os colectivos máis novos.

Na súa resposta, Sánchez Izquierdo negou isto último e recalcou que a TVG "aguanta" mellor que a media a caída das audiencias pola fragamentación derivada da TDT e o nacemento das plataformas de contidos baixo demanda, á vez que asegurou que os datos da principal auditora (Kantarmedia) reflicten un "incremento clarísimo" das audiencias nas persoas de entre 23 e 45 anos.

Pola súa banda, a deputada socialista Noa Díaz tachou de "pueril" e "eufemística" a memoria presentada polo director da CRTVG, ao que acusou de "vender" como melloras técnicas e creación de novos formatos "a adaptación lóxica aos novos tempos".

Así mesmo, censurou que Sánchez Izquierdo e o seu equipo "ignoren" as mobilizacións de traballadores que protestan pola "manipulación" e as "inxerencias" políticas nos servizos informativos, o que a levou a convidar o director da CRTVG a "pasear pola redacción" do seu medio "e polas rúas" para que "se dea conta de que están a tomar decisións tan equivocadas que poden levar ao descrédito" á entidade pública e que isto "sería o peor que lle podería pasar".

"Nunca escoitei o señor Feijóo nin me fixo chegar nin unha consideración sobre os contidos da CRTVG. Outra cousa é sobre a situación empresarial, pero ao redor dos contidos, nunca. Nada", aseverou Sánchez Izquierdo na súa quenda de peche.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Normal que entre tanto Bamboleo, Luar e Land Rover non teña tempo para outra cousa ! https://www.youtube.com/c/televisio... Pero á deputada socialista viríalle ben darse unha volta por Vigo e contemplar as 3 veces por semana que se retransmite na TDT LocaliaVigo os Monólogos dun tal Abel Caballero ! O mesmo individuo que PROHIBE aos medios de comunicación independentes transmitir os Plenos do Concello de Vigo ! Baixo Estado de Alarma pensan aprobar o novo PXOM sen asistencia aos Plenos do Concello (nin física nin virtualmente) Incumprir as leis debe ser norma de todos os que Gobernan !