Achan nun castro en Abegondo restos arqueolóxicos desde a Idade de Ferro ata o Imperio Romano

Os expertos descubriron unha parte dun edificio prerromano de "tamaño excepcional" e 40 bolsas de vestixios que consideran "de moito interese"

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 30/10/2020 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

O proxecto arqueolóxico impulsado polo Concello de Abegondo no Castro de Cerneda descubriu restos que confirmarían, segundo os estudos preliminares, que houbo poboadores na zona desde finais da Idade do Ferro, hai máis de 2.000 anos, ata o Imperio Romano, entre os séculos III e V despois de Cristo.

"O castro ten un nivel de conservación notable e un contexto arqueolóxico moi interesante", explicou o director, David Fernández Abella, aos medios na presentación dos achados, afirmando que o atopado ata agora "xustifica continuar" os traballos. "Sabemos moito, pero quedaríanos moito máis", defendeu.

O proxecto, desenvolvido desde hai un mes, só escavou un 0,6% do total de superficie en tres sondaxes arqueolóxicas nos que apareceron ata 40 bolsas de vestixios. "Son restos de moito interese e temos un edificio que ten interese especial para saber que é e, polo que parece, imos poder recuperar o espazo enteiro" engadiu.

O inmoble, expuxo o responsable do proxecto, sería de "tamaño excepcional" e dataría da época galaicorromana. Estaría cuberto "cunha gran estrutura de madeira e con tella encima", das que quedan restos e descoñécese se a forma completa da estrutura sería "totalmente circular ou ovalada" ou se sería propiedade dun alguén con poder económico ou sería de tipo comunal.

COMPARACIÓN CO CASTRO DE ELVIÑA

"A nivel de tamaño parece excepcional", expuxo o arqueólogo, que recoñece que hai poucos castros escavados na comarca. Con respecto ao de Elviña, na Coruña, apunta que os muros miden 30 centímetros máis, ata chegar a un metro de ancho, o que, di, "excede o habitual".

No seu interior atoparon un anaco de vidro dun vaso, unha varilla de bronce da que os expertos descoñecen a súa finalidade e restos de cerámica do norte de África. Estes restos, xunto cos demais, serán obxecto de "estudo" os próximos meses e definirase con exactitude a cronoloxía a través da análise de radiocarbono.

Nos próximos días haberá unha xornada de portas abertas no castro e realizarase un modelo tridimensional con drones e un documento topográfico para despois tapar "de maneira preventiva" os restos e "pensar que facer". Ademais, colocarase cartelaría explicativa na zona e lanzarase unha web do castro.

IDADE DE HIERRO

Noutra das zonas escavadas, os arqueólogos atoparon unha entrada ao castro, de "paso", e unha parte do que sería un espazo habitacional feito con "material perecedoiro", como madeira ou palla, que non se conserva. Si que atoparon un anaco dunha ánfora que contiña viño e que procedía do val do Guadalquivir, en Sevilla.

Con estes indicios consideran que a época máis antiga na que o castro foi habitado foi na Idade de Ferrp, hai máis de 2.000 anos, entre os séculos I e II antes de Cristo. Outra dos lugares escavados, de ata un metro de profundidade, demostrou que durante os últimos séculos foi un lugar "no que se traballou agrícolamente".

O propio castro, sinalou o arqueólogo, ten unhas dimensións "excepcionais" que triplicarían a outros da comarca. Os ártabros, o pobo que habitaba a comarca das Mariñas, vivían nunha extensión de 8.000 metros cadrados, e tiñan ao redor de outras tres hectáreas de elementos defensivos, compostos por dúas murallas e un foso.

Era, indicou o experto, unha "aldea fortificada" na que os habitantes eran agricultores e gandeiros que cultivaban e levaban aos animais fose do propio castro. O lugar, entre dous vales e un lugar de paso, era óptimo, dixo, para "controlar o territorio e vixiar outros castros".

Castro de Cerneda, en Abegondo
Castro de Cerneda, en Abegondo | Fonte: Concello de Abegondo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta