Así se mobiliza a hostalaría en Galicia

Os profesionais do sector piden un "fondo de rescate" e a condonación de impostos e taxas das administracións públicas. Na Coruña cargan contra a Xunta porque, consideran, queren "calarlles a boca con migallas".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 06/11/2020 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA) apuntou os responsables políticos das administracións públicas como responsables da "morte do sector hostaleiro" e esixe compensacións. "De novo o sector público carga todas as consecuencias das súas malas decisións sobre sector produtivo", denunciou o seu presidente, Alfonso Salazar.

Manifestación do sector da hostalaría en Santiago a 28 de outubro 2020
Manifestación do sector da hostalaría en Santiago a 28 de outubro 2020 | Fonte: GC

En rolda de prensa acompañado de hostaleiros, Salazar reclamou a condonación de todo tipo de taxas porque, di, "non se pode esixir a alguén que non estea a facturar, que pague impostos". As compensacións que pide o colectivo serían do 75% da facturación do ano 2019.

"Hoxe é un día de loito para a hostalaría de Galicia. As decisións das últimas semanas lévannos a case todos a un peche a curto ou medio prazo", lamentou o hostaleiro Diego Lis, que criticou que "non servise para nada" que os locais cumprisen "estritamente as medidas". "Non somos o problema, somos parte da solución", afirmou, apuntando ás "contornas familiares e sociais en casas" onde se producen, di, máis contaxios.

"Teñen que ser axudas áxiles, directas e suficientes", pediu o empresario, que cre que ou hai solucións "xa" ou "estamos mortos". Por iso reclama un "fondo de rescate" para compensar aos hostaleiros e outros sectores afectados e reprocha que o anunciado polo presidente da Xunta nas últimas horas son "parches". "Dános a risa", dixo, considerando insuficientes as cantidades de ata 7.000 euros.

Segundo Ascega, son 12.500 locais hostalaría os afectados polo peche en toda Galicia polo que as axudas prometidas polo Goberno galego, dixo o presidente da entidade, "son unha provocación". "Queren calar a boca con migallas á xente que levanta a persiana todos os días e está desesperada", criticou.

CARAVANA EN VIGO

En Vigo, centenares de vehículos percorren as rúas en caravana este venres para demandar axudas que permitan “salvar a hostalaría” ante as restricións decretadas para frear a propagación da pandemia que afectaron ao negocio do sector.

A protesta deu comezo pouco antes das 11,00 horas xunto ao Museo Verbum, onde centenares de vehículos con carteis que rezaban ‘Salvemos a hostalaría’ se congregaron para denunciar a situación do sector e esixir unha solución. Posteriormente, a caravana percorreu as principais rúas da cidade ata finalizar nas inmediacións do parque do Castro.

Antes do comezo da marcha, o presidente da Federación Provincial de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos), César Ballesteros, insistiu en que o sector necesita “un plan de rescate integral de axudas directas” que se alonguen “durante anos” para dar resposta ás limitacións de aforamento e horario, ou mesmo peche nalgúns municipios, decretadas para os establecementos.

PONTEVEDRA


Os hostaleiros da cidade de Pontevedra saíron ás 12,30 horas deste venres ás portas dos seus negocios para celebrar unha cacerolada reivindicativa horas antes do peche dos seus negocios --a partir das 00.00 horas deste sábado--. É o segundo venres consecutivo que levan a cabo este tipo de acto de protesta.

A Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) reclama á Xunta que se siga o exemplo de Alemaña, que pechou durante todo o mes de novembro a súa hostalaría á vez que anuncia 10.000 millóns de euros en axudas. Así, o goberno alemán de Merkel dispuxo que aquelas empresas que conten con ata 50 empregados, así como os autónomos, recibirán o 75% das ganancias no mesmo período de 2019.

Nesta liña, Hoempo critica que "este nivel de improvisación é inadmisible, non xa como sector da hostalaría, senón como sociedade". Ademais, censura como "incriblemente incoherente" que unha persoa non poida acudir a tomar un café ou a comer, "pero si que poida ir a un centro comercial, a un partido de fútbol ou a misa".

Tamén reproba que o peche da hostalaría "volve facer obxecto de criminalización ao sector". Lembra que un informe do Ministerio de Sanidade sinala que "a hostalaría non é o foco de contaxio desta segunda onda, que o son as reunións privadas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta