O alcalde de Ferrol presenta un estudo que cifra en 730 millóns de euros a conexión ferroviaria coa Coruña

Apunta que sería unha "liña híbrida" e que podería ser utilizada tanto por trens de pasaxeiros como de mercadorías.

Por E.P. | Ferrol | 13/11/2020 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), presentou un estudo que cifra en 730 millóns de euros o investimento necesario para que a liña ferroviaria que une esta cidade coa da Coruña se adapte aos requisitos marcados pola Unión Europea en canto ao transporte de mercadorías, para deste xeito poder formar parte do Eixo Atlántico, e que, ademais, sería tamén unha "liña híbrida", xa que tamén sería válida para a súa utilización por trens de viaxeiros.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato | Fonte: Concello.

Nunha comparecencia desenvolvida na mañá deste venres, 13 de novembro, no Concello, o rexedor trasladou que o estudo está incluído no proxecto de corredor atlántico presentado este xoves polo Consello Económico e Social e o Eixo Atlántico.

"Xa hai un estudo de necesidades, agora imos solicitar á Xunta e ao Goberno central que Ferrol estea ligado ao corredor atlántico de mercadorías", apuntou Mato, que manifestou que en outubro de 2019 solicitara ao Eixo Atlántico a inclusión de Ferrol no citado estudo, cando se atopaba en fase de elaboración.

PORTO EXTERIOR

Anxo Mato destacou que esta infraestrutura ferroviaria será fundamental para poder dar servizo ao porto exterior de Ferrol, sobre todo co avanzadas que marchan as obras para dotalo do acceso ferroviario, actualmente en fase de construción, "onde é imprescindible contar co tren para poder mover determinadas mercadorías, como é a dos colectores".

Por iso, o rexedor socialista abundou en que "o seguinte paso debe de ser unir a cidade co Eixo Atlántico, para responder as necesidades dunha comarca cun tecido empresarial e industrial que, á súa vez, precisa dun ferrocarril moderno para desenvolver as súas potencialidades".

O alcalde detallou que Ferrol está conectado coa Coruña a través de dous tramos que suman 68,9 quilómetros e que teñen máis dun século. O primeiro, de 42,8 quilómetros vai ata Betanzos, e o segundo, de 26,1 quilómetros ata A Coruña.

"En máis da metade destes traxectos as velocidades son moi baixas, con medias inferiores aos 75 quilómetros por hora", comentou.

ESTUDO

O estudo do Eixo Atlántico, elaborado polo catedrático da área de Enxeñaría e Infraestrutura dos Transportes da Universidade da Coruña (UDC) Miguel Rodríguez Bugarín, "propón unha liña de tráfico mixto, inclúe necesidades como a electrificación do trazado e a instalación do sistema de seguridade ERTMS, ademais dun ancho de vía igual ao do corredor A Coruña-Vigo".

A intención é que soporte o paso de convois de mercadorías de ata 750 metros de lonxitude, cando na actualidade entre Ferrol e Betanzos só poden circular os de ata 280 metros (lonxitude máxima básica) ou de ata 500 (lonxitude máxima especial).

En canto ás modificacións do trazado actual, abórdanse por separado. Por unha banda, a partir de Betanzos óptase pola comunicación directa co corredor atlántico, a través de Uxes, sen pasar pola Coruña. Para o tramo máis próximo á contorna protexida da ría de Betanzos proponse manter o corredor actual para evitar afeccións.

CRÍTICAS DO BNG

Por parte do grupo municipal do BNG de Ferrol, tras estas declaracións, solicitáronlle ao rexedor "que deixe de facer demagoxia porque o que hai que facer xa se sabe e el máis que ninguén, e non son máis estudos, que se repiten un tras outro".

O seu portavoz, Iván Rivas, advertiulle ao rexedor socialista que "o problema non é a falta de estudos, é a falta de compromiso político e económico para executalos". Así, trasladou que "o proxecto e estudo do que fala o señor Mato xa existe desde 2009", á vez que incidiu en que "foi o propio Mato", cando era concelleiro de Urbanismo", e o goberno local daquel momento "do que formaba parte quen paralizou a súa execución".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta