(Vídeo) Novas riadas de "chapapote forestal" nos espazos protexidos do Xurés e San Mamede

Amig@s das Árbores denuncia o "total desleixo" por parte da Xunta en rexenerar as zonas que arderon na vaga de lumes de setembro, especialmente, aquelas afectadas en espazos naturais. Medio Rural comezou os traballos de rexeneración o pasado 11 de novembro e só nun concello.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 15/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Case 10.000 hectáreas arderon na vaga incendiaria de comezos de setembro en Ourense. Desde entón, houbo xa varias chuvias intensas na zona que provocaron riadas de cinsa. A última este domingo, especialmente virulenta, na Serra de San Mamede, no Macizo Central Ourensán, e no parque natural do Xurés.

Ríos e riadas de cinsa na Serra do Invernadoiro o 15 de novembro de 2020
Ríos e riadas de cinsa na Serra do Invernadoiro o 15 de novembro de 2020 | Fonte: Amig@s das árbores

Tal e como recollen tanto a Lei de Montes e a Lei de Prevencion de Incendios de Galicia unha vez producido os incendios é prioritario e urxente realizar actuacións que eviten a erosión, a perda de solo, a contaminación dos ecosistemas fluviais. O 11 de novembro o conselleiro de Medio Rural anunciaba que o seu departamento comezaría a realizar traballos de 'helimulching' (técnica pola cal se tira palla desde un helicóptero) en 10 hectáreas da Serra de San Mamede, no concello ourensán de Vilar de Barrio.

Unha iniciativa que chega dous meses despois dos lumes nesta espazo, cando xa se produciron arrastres de cinsa e cando entidades como Amig@s das árbores comezaron xa pola súa conta a rexeneración das terras queimadas. De feito, este colectivo ecoloxista comezou pola súa conta a rexeneración das zonas máis afectadas unha semana despois da vaga de lumes. Xa entón denunciaban que o "chapapote do monte" ía monte abaixo arrastrando cinsa, terra, restos orgánicos e facendo caborcos. Por iso, un grupo de membros da entidade e voluntarios comezaron a rexenerar con palla algúns dos leitos dos ríos afectados polos incendios.

NOVAS DENUNCIAS

Como entón, esta organización volve denunciar a pouca iniciativa da Xunta por tentar rexenerar zonas ambientalmente moi valiosas queimadas o pasado setembro. "Demostran unha total deixadez e incompetencia e non fixeron nada atá fai dous días que comezaron na Serra do Xurés con actuacións en pequenas zonas", critican en declaracións a este medio.

Restos de cinsa ou chapapote forestal recollidos na Serra do Xurés
Restos de cinsa ou chapapote forestal recollidos na Serra do Xurés | Fonte: Amig@s das Árbores

Así, volven denunciar que coas intensas chuvias desta fin de semana  "chapapote forestal" (cinsa  terra, restos vexetais, metais pesados...) arrastrado polas choivas van ladeiras abaixo colmatando e contaminando regueiros e ríos. "É unha perda irreversible da capa superior do solo, uns danos que se podían minimizar se fixeran caso dos consellos científicos, se aplicaran a lexislación, se tiveran en conta as solicitudes que se fixeron chegar en tempo e forma por distintas organizacións", apuntan.

Amig@s das árbores din que agora xa é "demasiado tarde" e insiste nas súas críticas a Xunta por ter medios materiais, técnicos e humanos para facer os traballos de urxencia "e non realizalos".

Serra de San Mamede (Macizo Central Ourensán) o 15 de novembro ás 17:30 horas, nunha das corgas que leva a auga ao Ríos Arnoia afluente do Río Miño. Nesta zona aínda non se fixo nada para evitar a erosión e contaminación das augas
Serra de San Mamede (Macizo Central Ourensán) o 15 de novembro ás 17:30 horas, nunha das corgas que leva a auga ao Ríos Arnoia afluente do Río Miño. Nesta zona aínda non se fixo nada para evitar a erosión e contaminación das augas | Fonte: Amig@s das árbores
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta