Por GC Tendencias | Santiago | 30/05/2013 | Actualizada ás 14:54
Edicións Xerais, a Consellería de Cultura e a Editorial Galaxia presentaron esta mañá o segundo volume da antoloxía bilingüe galego-inglés da literatura galega. "Anthology of galician literature / Antoloxía da literatura galega 1981-2011" é o título desta obra que inclúe sesenta textos de sesenta escritores galegos contemporáneos. É tamén a obra coa que se lle dá continuidade ao proxecto iniciado en 2010 coa publicación do volume referente ao período 1196-1981.
Trátase dunha “foto detallada da nosa realidade literaria actual, cun lugar tanto para os autores de maior recoñecemento e niveis de venda fóra, como de novas voces aínda nacentes, e cun espazo para os distintos xéneros, desde a dramaturxia á poesía, ensaio, narrativa infantil etc.”. Así cualificou a obra o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a súa presentación, que tivo lugar esta mañá na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela e que tamén contou coa participación do autor e tradutor da antoloxíar, Jonathan Dunne, dos directores xerais da Editorial Galaxia e de Edicións Xerais, Víctor F. Freixanes e Manuel Bragado e da directora da biblioteca, Carina Fernández.
“Zume novo” para a difusión da literatura galega
“Esta obra é unha boa noticia para a escrita galega e, desde logo, zume novo para a circulación da nosa cultura polo mundo”, afirmou Anxo Lorenzo, quen explicou que os sesenta textos contemporáneos vertidos ao inglés foron escollidos na súa maioría polos propios autores; “sesenta escritoras e escritores que, a partir de agora, contan cunha porta de entrada a novos lectores procedentes doutros ámbitos lingüísticos que se interesen neste achegamento á escrita que se está a facer en Galicia”.
O segundo volume desta antoloxía, comercializada e distribuída pola Editorial Galaxia, ofrece unha selección completa da mellor literatura galega producida ao longo dos últimos trinta anos, con nomes recoñecidos acompañados dun abondoso talento ata o de agora en boa medida por descubrir.
Este proxecto de difusión da literatura galega en inglés é parte dun proxecto máis amplo asumido pola Consellería de Cultura e Educación, en colaboración con Jonathan Dunne, que, ademais desta antoloxía, ten outras liñas de difusión. Principalmente, a colección Galician Classics, conformada por catro títulos actualmente, o últimos dos cales, Galician Songs, foi presentado tamén esta semana no marco da conmemoración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos.
Tamén forman parte desta iniciativa da difusión internacional da literatura galega a través do inglés o proxecto Pórtico da literatura galega, un portal para a literatura galega en inglés, con textos de autores destacados que permite ter un espazo de acceso universal en inglés á literatura galega a través de textos de autores como Xavier Alcalá, Teresa Moure, Riveiro Coello ou Suso de Toro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.