O 48% dos novos casos de infección por VIH presentan un diagnóstico tardío

O conselleiro de Sanidade apela á prevención como mellor medida ao non existir vacina nin tratamento curativo

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 30/11/2020 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O 48% dos novos casos de infección polo VIH presentan un diagnóstico tardío, segundo asegurou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ao avanzar algúns datos recollidos no 'Informe VIH-sida e outras infeccións de transmisión sexual en Galicia 2020', que se presentará este martes con motivo do Día Mundial da Sida.

Fíxoo na súa visita ao Comité Cidadán Antisida da Coruña, na xornada previa a esta conmemoración. Nela, apelou á prevención como a mellor medida contra a infección polo VIH, ao non existir nin vacina nin tratamento curativo. En declaracións aos medios, o conselleiro cualificou de "imprescindible" o labor que realizan entidades como o Comité Antisida da Coruña, ademais de apelar á "suma de esforzos" para atender ás persoas que máis o necesitan.

Tamén avanzou algúns dos datos do informe que se presentará este martes, ao lamentar que, a pesar das campañas de prevención, siga habendo "comportamentos de risco" entre a poboación. E é que, segundo datos recollidos neste informe, no patrón epidemiolóxico de transmisión de virus predomina a vía sexual cun 80% dos casos. Ademais, ao redor dun 13% da poboación infectada polo VIH non sabe que o está.

PROBAS RÁPIDAS

Por todo iso, o conselleiro, nunha visita acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, apelou á importancia das campañas de prevención, pero tamén a realizarse a proba rápida do VIH ante uns datos que cualificou de "preocupantes".

Sobre esta proba rápida, incidiu en que é "gratuíta, anónima e accesible". Por outra banda, aludiu ás campañas postas en marcha pola Administración autonómica entre os que citou o programa de intercambio gratuíto de xiringas e o de venda subvencionada de kits de inxección hixiénica. Deles, dixo que conseguiron reducir a aparición de novos casos de VIH asociados á vía de compartir material de inxección de drogas.

INCREMENTO DE PETICIÓNS

Pola súa banda, a directora do Comité Antisida da Coruña, Sonia Valbuena, cifrou o incremento entre un 20 e un 30% da atención que prestan, derivado do actual conteto de pandemia. En especial, aludiu á situación dun colectivo vulnerable "como son os traballadores do sexo".

Mentres, avanzou que este martes proseguirán coas súas campañas, coa instalación dunha mesa informativa cunha pantalla na praza de Lugo, pero tamén na Facultade de Socioloxía, así como o aceso en vermello da Torre de Hércules.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, visita o Comité Antisida da Coruña, xunto ao delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor. MONCHO FONTES
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, visita o Comité Antisida da Coruña, xunto ao delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor. MONCHO FONTES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta