Festa dos produtos made in Galicia

Comer, beber, bailar, rir... Esa é a oferta da primeira edición da Festa de Breogán que terá lugar en Culleredo do 13 ao 16 de xuño.

Por GC Tendencias | Culleredo | 05/06/2013 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"Unha festa do país con produtos e prezos do país". Así se presenta a primeira edición da Festa de Breogán, un evento que nace como unha grande exaltación de produtos galegos varios, non centrada nun único xénero senón na promoción do que produce a nosa terra, o noso mar e/ou as mans e a creatividade dos galegos e as galegas. "Trátase dunha festa multiproduto na que o importante é o seu contido, que terá como eixo común e fío condutor a riqueza, tanto material como inmaterial, da terra galega", sinalan os organizadores.

Logo da Festa de Breogán
Logo da Festa de Breogán

O Concello de Culleredo acollerá o nacemento desta festa, que se celebrará no paseo marítimo de O Burgo os días 13, 14, 15 e 16 de xuño. Será baixo carpa, con entrada de balde, e con moita actividade tanto dentro como fóra.

Para comer ou cear haberá polbo, churrasco, empanadas, marisco e galipizzas (pizzas con ingredientes galegos como queixo de San Simón, raxo, grelos, etc.). Para beber; cervexa, sidra, viño, auga, licores e "cubatas" de ron, vodka e xenebra; todos eles produtos elaborados en Galicia. E para o entretemento non faltarán as actuacións musicais, monólogos, ou, mesmo, actuacións circenses. 

Música e espectáculo

Así, os asistententes poderán desfrutar do rock dos Claretes, a danza de Entrecaixas, o folk de Alén, a Fanfarria Taquikardia, o punk-folk-progresivo dos UlträQäns e a música tradicional de Tátara Trío porán as melodías ou Isabel Risco. Outros porán as notas máis humorísticas presentando á "Chorbicelta" ou a súa peculiar "Macroqueimada" e Natalia "Pajarito" porá o peche espectacular xa o domingo. Na Festa de Breográn tamén participarán grupos locais polas tardes como os Ancoradoira de Culleredo e os Cantareiros de Naval de Santa Cruz.

Ademais, no exterior da carpa non faltarán postos de feira con produtos galegos de diversa natureza, que contribuirán a enriquecer este escaparate da riqueza de Galicia no que se converterá o paseo de O Burgo nestes días. A Festa de Breogán está organizada e producida por DalleQlibras e o Forum Celticum e estará aberta todos os días desde as 12 da mañá e a pleno rendemento ata ben entrada a noite. Conta coa colaboración do Concello de Culleredo, HT Producciones Espectáculos, Ya-Car, Estrella Galicia, Gadis. Máis info na páxina de facebook da Festa de Breogán: https://www.facebook.com/festa.debreogan?ref=tn_tnmn

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta