Asociacións ecoloxistas tachan de "delirio" o transvase de augas contaminadas a unha balsa de Touro

ADEGA e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa advirten de que este proxecto só supón "mover a contaminación de sitio" e piden un proxecto definitivo para o tratamento dos efluentes mineiros.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2020 | Actualizada ás 22:56

Comparte esta noticia

A asociación ecoloxista ADEGA e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa veñen de recurrir a decisión de Augas de Galicia de autorizar o transvase temporal das augas de tres regos da contorna da mina de Touro, con destino á balsa de Vieiro.

Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato.
Drenaxe áceda da mina de Touro ao seu paso por un regato. | Fonte: Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON

Este polémico proxecto, presentado a principios de 2019 pola empresa que xestiona a mina de Touro, Explotaciones Gallegas SL, supón o desvío temporal por uns 6 meses das augas contaminadas destes regos (Felisa, Portapego e Angumil) á balsa de Vieiro. Segundo Augas de Galicia, o obxectivo é “dar un pouco máis de marxe temporal” á empresa para redactar un proxecto definitivo de tratamento das augas contaminadas da mina.

Segundo Adega e a Plataforma, "tal xustificación é en si mesma un insulto", xa que Explotaciones Gallegas SL dispuxo "de máis de 30 anos" para solucionar os pasivos ambientais da mina e eliminar as "continuas verteduras de augas contaminadas" dende o complexo mineiro á bacía do Ulla e á ría de Arousa.  Pola súa banda, denuncian que a administración "tivo ese mesmo tempo" para esixir da empresa unha correcta restauración dos labores mineiros abandonados, cuxas balsas e entulleiras - lembran - non deixaron "en ningún momento" de verter augas ácidas.

Ademais, cualifican o proxecto dun "verdadeiro delirio", posto que van transvasar augas de tres regos contaminados a unha balsa mineira cunha "limitada capacidade" e que presenta "numerosas filtracións ao dominio público". "Trátase de mover a contaminación de sitio durante un tempo agochándoa baixo unha alfombra (a balsa) chea de buracos", denuncian. Desta maneira, o proxecto podería incorrer en varias ilegalidades, xa que supón unha dilución da contaminación "disfrazada" de transvase, cuestión expresamente prohibida pola Lei de Augas galega.

A propia temporalidade abre máis incertidumes: "cal será o destino das augas contaminadas logo de rematada a drenaxe temporal?", pregúntase Adega. "Queda claro que o que non se solucionou en máis de 30 anos non se vai facer en 6 meses". Así pois, tanto ADEGA como a PDRA lamentan que a administración se preste a este tipo de “solucións temporais” que non son máis que "chafalladas e malos parches", tachan.

"Se realmente a Xunta quixera contribuir a solucionar o problema da contaminación da mina, debería obrigar a concesionaria a presentar, con carácter previo a calquera autorización, o proxecto definitivo para o tratamento dos efluentes mineiros. Despois de 30 anos de incumprimentos e millóns de toneladas de contaminantes vertidos impunemente ao dominio público, non pode haber lugar para máis compoñendas", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta