A outra realidade da infancia galega ás portas do Nadal e cunha gran pandemia sanitaria

Algúns nenos non viven cos seus familiares consanguíneos. Situacións de inestabilidade familiar, pobreza ou familias desestruturadas obrigan a que moitas crianzas teñan que ser acollidas en centros especiais. Tentan vivir e gozar coma nenos en situacións que non sempre son coma os soños que lles contan.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2020 | Actualizada ás 22:25

Comparte esta noticia

O xoves pasado o Goberno chegou a un acordo coas Comunidades Autónomas no que se estableceu o número de familiares que poderán reunirse este Nadal para celebrar as datas máis sinaladas: 10 persoas, o que supón máis do triplo da media de persoas que forman un fogar, que este ano situouse en 2,5 persoas como o ano anterior, segundo o INE.

Nena patinando
Nena patinando

Pero moitos nenos e nenas en España e, en concreto, en Galicia, non teñen a posibilidade de reunirse cos seus familiares consanguíneos nin durante as festas de Nadal nin durante o resto do ano. Falamos dos menores que viven en centros de acollemento residencial, os coñecidos comunmente como "centros de acollida", que son coma un fogar para os que non o teñen.

“O centro de acollemento residencial pretende ser un entorno o máis parecido a unha situación normal familiar na que os menores se sintan protexidos e queridos nun entorno familiar", defende Carlos Presa, o director dunha das Casas de Familia da organización sen ánimo de lucro Fundación Educativa y Social Dignidad.

Esta entidade é unha das diversas organizacións subvencionadas pola Consellería de Política Social da Xunta, unha entidade que acompaña aos menores no seu desenvolvemento persoal tanto físico, como cognitivo e psicolóxico, axudándolles a que confíen en si mesmos e na sociedade, xa que na súa infancia tiveron que soportar unha situación de risco que non merecían e que, ao non solucionarse, creou neles un estado irreversible de desamparo. 

SITUACIÓN DE DESAMPARO

O desamparo prodúcese cando o neno está desprotexido nunha situación límite na que a familia non pode encargarse del debido aos escasos recursos económicos, por problemas de drogadicción, delincuencia, maltrato, enfermidades graves… nos que os menores nunca son os culpables, e incluso, ás veces, tampouco o son os propios pais.

Antes de que os menores en risco sexan derivados ao centro de acollida pertinente, o equipo de intervención de menores sempre é quen analiza e avalía se un neno está nunha situación de desamparo. Tanto o equipo de intervención de menores como os centros de acollida buscan, como fin último, “o ben superior do menor”, como afirma Carlos Presa.

A VIDA NUN CENTRO DE ACOLLIDA

Cando un menor chega a un centro de acollida, os educadores sociais que traballan nel teñen que desempeñar un dobre labor: acompañamento e educación. “Os menores vense envoltos nun ambiente de protección e de seguridade total, porque para eles esta é a súa casa. Teñen as necesidades básicas cubertas, pero tamén as que os poidan axudar a desenvolverse como adultos sans”, defende Carlos Presa.

Porén, a pesar de que no centro de acollida os menores intentan levar unha vida “normal”, na sociedade existe un estigma que provoca que moitos dos menores se sintan cohibidos para recoñecer que forman parte dunha familia “diferente”. 

Pero o maior problema vén cando alcanzan os 18 anos e deben facer a súa vida fóra do centro. Como denuncia a directora do Centro de Menores Nosa Señora dos Ollos Grandes, “despois de convivir e compartir con eles os seus problemas, os medos, as alegrías e os seus logros, cando chega o momento de que marchen, é moi duro, e máis sabendo que as oportunidades de seguir adiante son escasas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta