A Eurocámara investigará á Xunta por "vulneración de dereitos humanos" no psiquiátrico de Conxo

Esquerda Unida denuncia falta de actuación da Xunta nun centro que é "máis semellante a unha prisión". A Xunta di que xa se realizaron "correccións".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2020 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo investigará a denuncia de "vulneración de dereitos humanos" no psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela. Un asunto do que xa deu conta Galicia Confidencial en varias ocasións. A presidenta da Comisión de Peticións, Dolors Monserrat, informa de que se vai a proceder a esta investigación en resposta a un requirimento realizado pola coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.

En rolda de prensa este luns en Santiago, Solla lembrou que en 2017 o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura realizou un informe "terrible" sobre este centro, onde "se vulneraban dereitos fundamentais" dos pacientes psiquiátricos.

Entre outras cuestións, o informe recollía un uso "abusivo e incorrecto" da contención mecánica, con persoas atadas ás súas camas nalgúns casos ata 12 días seguidos. Tamén se identificaba un número "bastante grande" de ingresos involuntarios que non estaban correctamente rexistrados, un réxime de alimentación cada 12 horas e un "exceso" do emprego de sedaciones.

Tras non obter unha resposta da Xunta de corrección destas deficiencias, a finais de 2019 o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura volveu enviar unha advertencia ao Goberno galego que insistía en que "a maioría" dos problemas seguían sen corrixirse, segundo explica Eva Solla.

Por iso, Esquerda Unida decidiu a comezos de 2020 realizar esta petición á UE ante a falta de actuación da Xunta, xa que a día de hoxe non existe constancia de que "se cambia practicamente nada" no uso de "medidas coercitivas".

"SEMELLANTE A UNHA PRISIÓN"

E é que Eva Solla censura que "non pode ser que se vulneren sistematicamente durante anos os dereitos fundamentais destas persoas" nunha unidade de saúde mental, que é "máis semellante a unha prisión".

Agora, a Comisión de Peticións dá conta da admisión a trámite desta problemática, xa que o asunto "entra dentro dos ámbitos de actuación da Unión Europea", segundo figura no escrito. Precisamente, a Comisión de Peticións explica que en xullo houbo unha resolución do Parlamento Europeo en favor da persoa con discapacidade intelectual durante a crise da covid-19, mentres se traballa nun Libro Verde para mellorar a saúde mental da poboación.

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela

XUNTA

Pola súa banda, a área sanitaria de Santiago asegura que "hai tempo" que se adoptaron as medidas correctoras que propuxo o Defensor do Pobo en relación con deficiencias detectadas no psiquiátrico de Conxo.

O Sergas trasladou a Europa Press que "non é certo que a maioría dos problemas continúen sen corrixirse". En concreto, detalla que se realizaron correccións relacionadas coas contencións mecánicas, o rexistro de ingresos non voluntarios, a dieta e a sedación.

Deste xeito, a xerencia sostén que "se deu resposta a todos os requirimentos realizados neste tempo desde a oficina do Defensor do Pobo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta