Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2020 | Actualizada ás 14:11
A Xunta baixará o prezo das peaxes en varios tramos das autoestradas autonómicas e manterá estables o resto en 2021, ano no que comezará a aplicar bonificacións para familias numerosas neste tipo de vías da súa titularidade.
En concreto, segundo informou a Consellería de Infraestruturas nun comunicado, a partir do próximo día 1 de xaneiro, os prezos da que une Vigo e Baiona, a AG-57, seguirán sendo os mesmos que na actualidade para os vehículos lixeiros, excepto no tramo A Ramallosa-Baiona, que baixa cinco céntimos. No caso dos vehículos pesados de tipo 1, reduciranse cinco céntimos as peaxes dos tramos Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona. E para os de tipo 2, aplicaranse rebaixas de cinco céntimos en sete dos 11 centros da estrada. Naqueles tramos nos que non baixen, permanecerán como ata agora.
No caso da autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55), os prezos manteranse en todos os tramos para os vehículos lixeiros. Tamén será así para os pesados de tipo 1, excepto no tramo Paiosaco-A Laracha, que baixa cinco céntimos. Redúcense, tamén, cinco céntimos os prezos do cinco tramos da autoestrada para os vehículos pesados de tipo 2, mintas que o resto seguirá como ata agora.
Durante o ano 2021, a Xunta destacou que seguirá aplicando o réxime de bonificacións de peaxe que se realiza para usuarios frecuentes, que realizan a viaxe de ida e volta no mesmo día, como para os que fan o traxecto en horario nocturno.
BONIFICACIÓNS
Na actualidade e desde o ano 2010, a Xunta bonifica as viaxes de usuarios habituais das dúas autoestradas de titularidade autonómica, tal e como sinalou o departamento que dirixe Ethel Váquez.
Así, os días hábiles bonifícase un 25% o importe da viaxe de volta realizada no mesmo día que a ida, e o 50% da segunda viaxe de volta e posteriores sempre que se fagan tamén no mesmo día. Estes descontos son aplicables tanto a vehículos lixeiros como a pesados que empreguen a telepeaxe como medio de pago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.