De marcos e Compañas

Andan estes días alborotadas as forzas vivas deste "Far North West". E é que, coas subvencións ás aeroliñas, semella que a algún “lle moveron os marcos”. Di que o millo non medra na súa leira porque medra na do viciño e non pensa que alí o millo pode non darse ben.

Por Eduardo A. Navarro | | 13/06/2013

Comparte esta noticia
Aos do resto de Galicia interésanlle pouco estas liortas e collen o bus, o tren ou tiran para Oporto. Corren malos tempos para o millo e para os avións. Será cousa da crise? Do? Do minifundismo? Ou, talvez, do minifundismo mental?
 
Dende pequenos os cativos confunden a competitividade coa acérrima rivalidade. Aprenden que se es do Dépor non podes seguir ao Celta e que se es do Celta te tes que alegrar das miserias deportivistas. Na casa e na rúa mámanse os tópicos que te volven un “mamón” ou un “mamalón”, diferente e afortunado de vivires onde vives e non na vila ou aldea do veciño, moitas veces familiar.
 
Cada semana, coa mesma cervexa nas súas camisetas, os adolescentes queiman enerxías berrando coma gueivotas cánticos hostís que chaman á humillación dos “diferentes”. Nos xornais, periódico a periódico, alimentan ao monstruo con novas afrentas, deportivas, económicas ou culturais, e córtanlle a testa a Galicia para manter o favor dos caciques locais nunha orxía que só divirte a acomplexados, xente manipulable e a miopes intelectuais.
 
Abraia que, neste Inferno “do País” aínda haxa unha morea de irreductibles galegos que sinten a Galicia coma o seu Ceo. Uns moven os seus paraugas para se cubriren dos ballóns que, segundo o vento, arrecian dende Coruña, Vigo ou Santiago. Outros, aos que xa lles saíron branquias, afixéronse a viviren baixo o continuo orballo localista, e outros, alén do "telón de grelos", vagan polo Purgatorio da emigración espallados polos esmorecentes centros galegos de Bos Aires, Nova Jersey ou Zurich, sentindo que lles falta Galicia e entendendo que, sexan de onde sexan, o teñen todo en común.
 
Tal como pinta, semella que moitos se sentirán galegos o día que teñan que marchar... E mais si! Como algún día terá que deixar de chover, tamén o localismo terá que escampar. Galicia xa vai precisando dunha actualización para funcionar ben.
 
Será quizais recuperando a nosa idiosincrasia e o "sentidiño" como patrimonio inmaterial que protexer e cando as institucións locais, os xornais, os mestres e as familias comprendan que esta absurda e artificial rivalidade é un luxo que non nos podemos permitir. Os galegos precisan a oportunidade de rachar o seu aillamento sen ter que emigrar vivindo comunicados por asfalto, por vías de ferrocarril, por carrís bici, por transportes urbanos e interurbanos… e tamén cada galego precisa dun traballo para poder empregar e pagar esas comunicacións.
 
As poboacións de Galicia piden xa unha mobilidade máis versátil, aparcamentos disuasorios próximos aos accesos das cidades, novas estacións intermodais con abundante transporte público e acceso para bicis. Os aeroportos precisan dunha mellora rede rexional, que os comunique entre si nun tempo razoable, por tren e por autopista.
 
Cando conecten axilmente con Galicia será a demanda, e non a política, quen fará complementarias unhas infraestruturas e peneirará as redundantes e innecesarias. Tamén os portos, hospitais, edificios administrativos e mesmo a Cidade da Cultura, teñen que deixar de mirar só cara as vilas que os acollen e proxectarse ao resto do país, construíndo enlaces directos dende a AP-9 que nos vertebren como pobo e non nos enlacen como a tribus.
 
Os tempos son chegados de erguermos os nosos marcos, de escoitarmos aos rumorosos e non distraernos con lalalás e outros ruídos localistas. Son tempos de que un coruñés sinta seu o Festival de Cans, un ourensán o Arde Lucus e de que un vigués empregue Lavacolla. É o momento de que todos nos poidamos desprazar por Galicia, desfrutar dela e voltar durmir para a nosa casa porque Galicia é non só o barrio, é o noso espazo.
 
Igual ca luz eléctrica alonxou “á Santa" dos camiños, as comunicacións serán quen de arrecunchar aos localismos, que serán xa cousa de mortos porque o tren e as estradas serán cousa dos vivos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Últimas de Eduardo A. Navarro
Eduardo A. Navarro Iglesias Coruñés, é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Salamanca. Tamén é técnico superior en Artes Aplicadas a Escultura pola escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso d'A Coruña.