CC.OO. alerta de que a decisión de Siemens Gamesa de pechar a planta das Somozas "xa está tomada"

Censura a intención da empresa tras participar nunha mesa multilateral celebrada en Madrid.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2020 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O secretario da Federación de Industria de CC.OO. en Galicia, Vítor Ledo, alertou de que a multinacional Siemens Gamesa "ten intención de pechar" a planta desta empresa no polígono das Somozas (A Coruña), xa que "dá a impresión de que a decisión xa está tomada".

Concentración de traballadores de Gamesa
Concentración de traballadores de Gamesa | Fonte: Europa Press

Así se manifestou o representante sindical ao termo dun encontro celebrado desde as 9,00 horas deste martes, 15 de decembro, en Madrid, onde participaron responsables dos ministerios de Transición Ecolóxica e Industria --concretamente do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) e da Dirección Xeral de Industria--, a nova directora xeral de Enerxía da Xunta, o director xeral do Igape, así como o director institucional de Siemens Gamesa e o director de recursos humanos da empresa, ademais de responsables das federacións de industria de UGT e CCOO.

"Xa lle trasladamos á empresa que de non reverter esta situación desde CC.OO. seguiremos á fronte da mobilización e haberá confrontación", avisa.

Nesta mesa multilateral por este conflito laboral, Ledo realizou unha valoración "positiva" da formulación realizada polas administracións.

Respecto ao Goberno central, explica que o "IDAE realizou unha batería de propostas, ata cinco bloques, para darlle continuidade" á planta das Somozas, "vinculándoo a todo o que ten que ver con políticas de transición enerxética".

Mentres, a Xunta "tamén propuxo unha serie de propostas con todo o que ten que ver con novas poxas de enerxía, cos megawatts que van saír a concurso vinculados coas zonas de transición enerxética xusta", explica o sindicalista.

De todas as maneiras, segundo o representante sindical, "a empresa mantén que a decisión non está tomada" sobre o posible peche. Por iso, Xunta e Goberno central "solicitan un compromiso de que poñan enriba da mesa os plans industriais e de viabilidade para a planta das Somozas".

"E que non tomen ningunha decisión, de traballo, para poder buscar as alternativas que pasen por non pechar a planta", explica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta