Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 17/06/2013 | Actualizada ás 18:17
Bodegas Terras Gauda segue recibindo recoñecementos e premios dentro e fóra das nosas fronteiras. Wine Enthusiast, unha das revistas de viños de referencia a nivel internacional e cunha tirada de 127.000 exemplares, acaba de incluir dous viños producidos pola firma pontevedresa entre os mellores caldos do mundo: Terras Gauda 2012 e Abadía de San Campio 2012.
A decisión ven avalada por un xurado experto entre os que destaca o prestixioso crítico neoiorkino Michael Schachner, que no número de xullo se desfai en gabanzas cara estes dous caldos galegos. Do Terras Gauda, ao que lle da 91 puntos, destaca a "frescura e elegancia" dun "suave Albariño que declara a gritos a súa orixe costeira". "Notas mariñas, mazá e melocotón agradan a boca, mentras que o redondo pero vivo ácido paladar ofrece sabores de limón mineral, lima e mazá", engade Schachner.
En canto a Abadía de San Campio, un dos buques insignia desta bodega da comarca de O Rosal e que obtén unha nota de 90, o xornalista estadounidense considera que é un viño "ideal para o verán, lixeiro pero fresco en boca, con aromas de pera, mazá e cítrico", unha opinión que lle leva a calificar a añada de "deliciosa".
Mellores puntuacións
As puntuacións outorgadas a estes dous viños son, segundo sostén a adega pontevedresa, "as mellores obtidas ata o momento nesta publicación" e poderían darlle un novo pulo internacional a Bodegas Terras Gauda, que exporta na actualidade a máis de 50 países. A firma vitivinícola galega, de feito, logrou incluir os seus viños nalgúns dos restaurantes máis prestixiosos do mundo, como o Hakkassan de Londres, o Purple Pig de Chicago ou o Martín Berasategui de Shangai. Ademais, a comezos de 2013 a adega chegou a un acordo coa aerolínea americana Copa Airlines para incorporar o Abadía de San Campio á súa carta para a clase executiva.
O recoñecemento destes dous albariños por parte de Wine Enthusiast reafirma o momento doce que viven os caldos galegos, en pleno proceso de internacionalización e que nos últimos anos non paran de colleitar premios e eloxios por parte dalgúns dos paladares máis esixentes do mundo do viño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.