Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2020 | Actualizada ás 17:27
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu este mércores aos representantes dun grupo de veciños que están afectados polas decisións adoptadas polos propietarios do Pazo de Gondar, na parroquia de Santo André de Xeve. O Pazo de Gondar mantén arrendamentos desde o século XV cun nutrido grupo de veciños das tres parroquias de Xeve: Santa María, Santo André e Verducido.
Desde hai uns meses, un arrendatario das leiras acordou o peche perimetral con arame de espinos para destinalo á explotación gandeira coa cría de cabalos, co que impide á veciñanza a explotación das terras arrendadas desde hai séculos.
O concello xa ordenou a retirada tanto do arame como do peche perimetral porque está a afectar a camiños de uso público e o acceso as leiras privadas empregados historicamente polos veciños. Tamén se remitiu un escrito á Consellería de Medio Rural preguntando se a explotación tiña licenza, e demostrouse que non.
Finalmente, tamén remitiron unha nota informativa á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia por unha posible ocupación irregular do Pazo.
Os veciños, que acudirán á vía xudicial para decidir sobre os seus dereitos de explotación da terra, trasladaron ao alcalde as dúbidas sobre a propiedade do Pazo, así como as presións e actitudes estrañas procedentes do ámbito dos supostos propietarios que está a enmarcar a toda esta problemática veciñal e que lembra a décadas pasadas.
O alcalde comprometeuse a continuar obtendo información sobre a situación do pazo, tanto a través do Arquivo municipal como da Policía, que volverá ao lugar para comprobar que se executou a orde de Disciplina urbanística de retirar o peche.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.