Galicia en alerta: o buque ruso con material radiativo 'Sevmorput' pasará a 50 millas da costa

O Estado apela á calma e di que o barco non notificou ao Organismo Internacional de Enerxía Atómica "ningún tipo de incidente nuclear".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2020 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

O buque de propulsión nuclear ruso 'Sevmorput' navegará a partir desta madrugada a unhas 50 millas das costas galegas, como parte da súa viaxe cara a San Petesburgo, cun "seguimento permanente" por parte da Mariña Mercante. Ademais, segundo asegura o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana nun comunicado, reforzarase "o control do barco a través do Centro de Coordinación Nacional de Salvamento Marítimo coa colaboración do Consello de Seguridade Nuclear.

De feito, nunha reunión de coordinación, este último organismo xa informou á Mariña Mercante que o buque "non notificou ao Organismo Internacional de Enerxía Atómica ningún tipo de incidente nuclear" durante a súa travesía, algo que sería "de obrigado cumprimento" se se detectase calquera tipo de anomalía que supuxese a liberación de material radioactivo.

O Ministerio tamén indica na nota de prensa que os sistemas de vixilancia radiolóxica ambiental españois non detectaron "ningún valor de medida anómalo" nos días que navegou pola zona marítima das Illas Canarias.

Así, o departamento que dirixe José Luís Ábalos garante que Salvamento Marítimo realiza unha vixilancia "permanente" do 'Sevmorput' e que, ata o momento, o seu traxecto continúa "sen que reportase novas incidencias técnico-náuticas".

Por iso, a Mariña Mercante fai un chamamento á "tranquilidade" e expresa o seu "desexo" de que o buque atraque en San Petesburgo na data prevista: 31 de decembro. Non obstante todo iso, a Dirección Xeral lembra que, de producirse algunha incidencia, Salvamento Marítimo está "preparado" para dar unha resposta "inmediata".

DENUNCIA DE ARCO IRIS

Antes deste comunicado do Ministerio de Transportes, a asociación ecoloxista Arco Iris remitiu outro no que advertía que o paso do 'Sevmorput' fronte a Galicia cunha "propulsión limitada" faría que a súa travesía resultase "particularmente perigosa no medio dun mar bravo".

E é que, de acordo con cifras deste colectivo, o buque ruso navega cara ás costas galegas a unha velocidade de 10,5 nós, polo que se espera que chegue á vertical de Vigo pasada a medianoite.

Sevmorput, o cargueiro ruso avariado que pasará polas costas galegas nos próximos días.
Sevmorput, o cargueiro ruso avariado que pasará polas costas galegas nos próximos días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta