Incendios forestais: os lumes galegos van xa pola sexta xeración, incontrolables e devastadores

Dos pastos aos pirocúmulos: como cambiaron os incendios forestais, quen os provoca e por que xa non se poden apagar só con auga.

Por Ángela Precedo | LUGO | 17/06/2025 | Actualizada ás 22:08

Comparte esta noticia

Cada verán, cando a calor apreta e o vento sopra na dirección equivocada, Galicia tembla ante unha ameaza que leva décadas gravada na súa memoria colectiva: os lumes forestais. Non só son cifras de hectáreas arrasadas nin columnas de fume nos telexornais. Son aldeas que se pechan na casa coas ventás atrancadas, veciños que se organizan con cubos de auga e mangueiras, brigadistas exhaustos que percorren os montes a toda présa, e unha paisaxe que, trala cinza, tarda anos en recuperarse. Pero detrás do lume hai historias máis complexas que a dunha simple chispa e un monte seco. A axente do Servizo de Protección á Natureza (Seprona) da Policía Nacional Elena Moya, nas xornadas Nature FIRST, celebradas hai unhas semanas en Lugo, desgranou como cambiaron as motivacións, os perfís e os contextos de quen prenden lume ao monte. Xa non se trata dun pastor que queima para rexenerar os pastos.

Lume forestal preto da planta química que Syngenta ten no Porriño
Lume forestal preto da planta química que Syngenta ten no Porriño | Fonte: EP - Arquivo

Existen xeracións distintas de incendios, cada unha coas súas causas, os seus patróns e a súa maneira de comportarse. E, na xeración actual, a sexta, a man do home ten moito que dicir. Dende quen recorren ao lume como unha forma de prostesta ou vinganza, ata quen o fan por puro vandalismo ou trastornos mentais, pasando por intereses económicos ou rivalidadess personais. Comprender estes perfís é clave para entender por que Galicia segue ardendo ano tras ano, a pesar das campañas de prevención, a vixilancia aérea e os dispositivos de extinción. Nesta reportaxe, adentrámonos nas distintas xeracións de incendios identificadas polos corpos de seguridade, exploramos as causas estruturais que permiten que o lume se repita coma unha liturxia sinistra e escoitamos a aqueles que loitan en primeira liña para apagalo, previlo e identificar aos seus responsables (se os houbese).

DA PRIMEIRA Á SEXTA XERACIÓN: DE LUMES VENCELLADOS A QUEIMAS AGRÍCOLAS A LUMES CUN COMPORTAMENTO CASE AUTÓNOMO

Galicia é, segundo os datos do Ministerio, a comunidade autónoma española con maior número de incendios forestais declarados. Pero nos últimos anos, os incendios evolucionaron: son menos frecuentes, pero moito máis perigosos. "Falamos xa de incendios de sexta xeración", explicou a axente Elena Moya. Estes lumes xorden nun contexto de abandono rural e acumulación de biomasa, e teñen comportamentos extremos: maior potencia, propagación máis rápida e maior capacidade para xerar a súa propia climatoloxía. Para comprender como chegamos ata aquí é preciso debullar como foron cada unha das anteriores xeracións de lumes:

  • 1ª xeración (anos 60-70): incendios pequenos, vencellados a queimas agrícolas ou pastorís. Facíanse por costume, sen medios de prevención nin planificación. A extinción era manual e local, sen medios aéreos.
  • 2ª xeración (anos 80-90): aumenta o número de incendios e comezan a ser máis virulentos. Vencellados ao abandono rural e á acumulación de biomasa. Comezan os dispositivos de extinción profesionalizados, pero os medios seguen sendo básicos.
  • 3ª xeración (anos 90-2000): incendios máis rápidos, longos e difíciles de controlar. A expansión urbanística leva a incendios na interface urbano-forestal (zonas onde conviven casas e monte). Empezan os grandes operativos aéreos e o despregue tecnolóxico.
  • 4ª xeración (anos 2000-2010): incendios que desbordan as capacidades de extinción, incluso con grandes medios. Altísima intensidade, moi difíciles de anticipar. Chegan a afectar áreas moi extensas (máis de 500 ou 1.000 hectáreas). Empezan a influír cambios climáticos evidentes (ondas de calor, seca extrema...).
  • 5ª xeración (anos 2010-2020): incendios con comportamento extremo, que cambian de dirección sen previo aviso, xeran treboadas de fume, saltan ríos e estradas. Comezan a crear a súa propia climatoloxía, como columnas conectivas ou ventos locais. Moito máis perigosos para persoas e aldeas.
  • 6ª xeración (actualidade): incendios cun comportamento case autónomo que xeran nubes pirocúmulos que poden provocar novos lumes (pirocúmulos sumados a piroxénese), afectan a miles de hectáreas en poucas horas, non se poden deter con medios convencionais --só o cambio meteorolóxico os frea-- e que están vencellados ao colapso do territorio rural, á continuidade forestal e ao cambio climático. Ademais de Galicia, tamén Portugal, Grecia ou California sufriron xa incendios deste tipo. Estes lumes preocupan non só por ser máis grandes, senón por ser imprevisibles, violentos e imposibles de extinguir polos medios habituais. Obrigan a revisar a xestión forestal, a ordenación do territorio e a capacidade de evacuación das zonas rurais.

A axente Moya explicou que a evolución dos incendios forestais está ligada a unha serie de factores acumulativos: o abandono do campo, que multiplica a biomasa dispoñible; o cambio climático, que trae temperaturas máis altas e humidades máis baixas; e a continuidade do monte, con grandes superficies forestais sen apenas interrupcións. Todo isto deriva en incendios que xa non se comportan coma un lume 'clásico', senón que progresan con intensidade extrema, cambian de dirección por si mesmos, xeran nubes convectivas (pirocúmulos) e mesmo crean ventos propios que dificultan ou imposibilitan a súa extinción. "Son lumes que xerán a súa propia climatoloxía, non falamos dun lume illado, senón dun fenómeno moito máis complexo que se retroalimenta e descontrola calquera intervención humana se non se actúa de maneira moi rápida", asegura a axente do Seprona.

Incendio forestal en Galicia, bombeiros e veciños dos pobos tentando apagar o lume prendido nos montes galegos
Incendio forestal en Galicia, bombeiros e veciños dos pobos tentando apagar o lume prendido nos montes galegos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

A INVESTIGACIÓN: ATOPAR A CAUSA E O RESPONSABLE

O traballo do Seprona nos incendios comeza na propia área de inicio. A prioridade, segundo sinalou Moya, é delimitar esa zona, rastrexala, buscar calquera indicio do foco e identificar o medio de ignición: unha lixeira chispa, unha queima, unha conexión eléctrica, restos de acelerantes ou calquera outro elemento que permita establecer a causa do lume. "A investigación dos incendios forestais ten dúas partes: unha primeira moi técnica, baseada no traballo de campo e no apoio de ferramentas como as imaxes satelitais, e outra máis policial, onde entran os interrogatorios, os testemuños, os dispositivos de vixilancia ou o cruzamento de información", detallou.

Unha vez delimitada a zona de inicio, o Seprona solicita aos organismos competentes --como Medio Rural-- os informes de valoración dos danos, fundamentais para poder acreditar ante un xuíz o impacto ambiental e económico do lume. Esta información tamén se obtén a través de imaxes de satélite, como as do programa Sentinel, que permiten comparar o antes e o despois do incendio e avaliar a gravidade. A isto súmanse os informes periciais, outro elemento esencial. A axente Moya insistiu en que, para que un incendio sexa considerado delito, hai que demostrar o dano causado ao medio natural. Por iso, é imprescindible contar con análises de afectación á flora e fauna, estudos sobre o solo queimado e probas recollidas sobre o terreo baixo cadea de custodia. "Non abonda con saber que houbo un incendio, hai que demostrar que ese incendio causou un dano ecolóxico, económico ou humano significativo e, para iso, precisamos probas técnicas rigorosas", apuntou.

GALICIA, O EPICENTRO DOS LUMES

Galicia segue sendo a comunidade autónoma con maior número de incidentes relacionados con lumes forestais comunicados ao Ministerio. A pesar das campañas de prevención e das novas tecnoloxías de vixilancia, a situación mantense preocupante. "Non se trata só de reducir o número de lumes, senón de evitar que os que hai se convertan en grandes incendios, e iso require unha estratexia global", subliñou. A evolución dos incendios non é liñal. En 2006, 2017 e 2022 Galicia viviu ondas de incendios devastadoras, e dende entón os episodios máis graves afectan a zonas cada vez máis amplas, e durante máis tempo. Algúns dos lumes máis recentes serían:

  • Incendios en Trabada e Barreiros (outubro 2023): máis de 2.300 hectáreas e declaración do nivel 2 de emerxencia, tendo que desaloxar sete aldeas e pechar a A-8. Concluíuse que o lume foi intencionado, con foco externo ao terreo incendiado e finalmente resultou detido un home de 27 anos.
  • Incendio de Baleira-A Fonsagrada (marzo 2023): arredor de 1.400 hectáreas queimadas debido a un lume descontrolado tras realizar unha queima de rastroxos sen autorización. Houbo que desaloxar aldeas e declarar o nivel 2 de alerta. O Seprona identificou e imputou ao autor da queima, un lucense de 78 anos.
  • Incendio de Agolada (abril 2022): un home residente en Agolada provocou varios lumes en diversas parroquias arrasando un total de 63 hectáreas. Foi condenado a 17 anos e 4 meses de cárcere, ademais de ser internado nun centro psiquiátrico por trastorno de impulsos.
  • Onda extrema de outubro de 2017: Galicia sufriu naquel tempo unha gran onda de lumes que tamén se estendeu a Portugal, impulsada polo furacán Ophelia. Arderon máis de 100.000 hectáreas con 4 falecidos na nosa terra e catro incendios moi intensos en Pontevedra e Ourense. A Xunta reportou que "o 100 % dos incendios foron intencionados", aínda que moitos procedementos quedaron sen autor identificado por falta de probas.
  • Incendios en Ribas de Sil e Verín (2021-2022): Entre estes dous anos varios incendios afectaron aos concellos ourensáns, con múltiplos focos e máis de 1.500 hectáreas queimadas, e mesmo a declaración de situación de alerta nivel 2 por proximidade a poboacións. Tres persoas foron detidas --entre elas un brigadista-- e ingresaron en prisión provisional pola súa implicación en decenas de lumes. En decembro de 2023 unha muller admitiu ser autora dos incendios que rodearon Verín en agosto de 2022 e aceptou 3 anos de prisión e indemnizacións superiores a 1 millón de euros.

CANDO A EXTINCIÓN NON CHEGA: A ERA DOS INCENDIOS IMPOSIBLES QUE NON SE PODEN APAGAR CON MEDIOS TÉCNICOS NIN BARREIRAS FORESTAIS TRADICIONAIS

Segundo a axente do Seprona, os incendios de sexta xeración están marcando un punto de non retorno na actualidade. "Falamos de lumes que, en ocasións, non se poden apagar ata que cambia o tempo, pois nin os medios aéreos, nin os terrestres, nin as barreiras forestais tradicionais son suficientes", afirmou. Por iso, o Seprona insiste en que a única maneira de loitar contra estes lumes é evitar que se produzan. E, para iso, a clave está na ordenación do territorio rural, a limpeza preventiva de parcelas e montes e a educación ambiental e a colaboración cidadá. Nos casos en que se identifica un responsable, o Seprona realiza toda a instrución do expediente, reunindo tanto a parte técnica como a parte policial. Se se determina que houbo intencionalidade, neglixencia grave ou reincidencia, pódese chegar a xulgar coma delito ambiental, con penas que poden incluír prisión, multa e inhabilitación. "Cada vez máis os xulgados valoran non só a acción, senón o beneficio que se buscaba con ela --por exemplo, limpar o monte para plantar ou despexar terreos--", explicou Moya. Así, conclúe que "hai que deixar claro que quen provoca un lume, asumirá as consecuencias".

Efectivos da Xunta traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal
Efectivos da Xunta traballan para extinguir as chamas nun incendio forestal | Fonte: Carlos Castro - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta