GC Aberto

O Bierzo e o debate territorial (I)

Por admin | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2020

Comparte esta noticia

A aparición na escena social e política do Movemento Cidadán A Quinta avogando por converter a Comarca do Bierzo na Quinta provincia da Comunidade Autónoma de Galiza puxo encima da mesa unha proposta distinta e novidosa á hora de falar de reforma constitucional. A proposta de fundo que pon encima da mesa A Quinta non só busca dar un mellor encaixe ás nacionalidades periféricas dentro do estado, senón que tamén aposta por unha simplificación e adelgazamento administrativo mediante a redución de comunidades autónomas por medio da fusión e cambio de fronteiras interiores do Estado Español.

Cartel indicador en Castropodame (O Bierzo).
Cartel indicador en Castropodame (O Bierzo).

A aprobación da constitución española no 1978 veu ratificar a división territorial de Javier de Burgos que o único que buscaba era dividir e polo tanto debilitar as nacionalidades periféricas. Ao debilitamento das nacións periféricas, pola falta da unidade administrativa, sumóuselle a negación da unidade lingüística. O obxectivo non foi outro que dividir para vencer. Por sorte no Bierzo o debate idiomático está relativamente ben, xa que a veciñanza ten claro que no Bierzo se falaba e se fala galego. A día de hoxe aínda son moitas as familias que seguen a transmitir o galego de forma oral e tampouco debemos desprezar o feito que o galego foi elixido como sinatura optativa por milleiros de estudantes nos últimos anos.

Todo indica que nos vindeiros meses o debate territorial do Bierzo vai chegar á política galega e que desde aquí pode estenderse ao conxunto do estado cunha proposta de fundo que pasa por unha necesaria simplificación administrativa do estado baseada na aceptación da realidade cultural e lingüística existente. Un Estado con menos comunidades autónomas. E unhas comunidades autónomas máis pegadas a realidade. Está visión de futuro é xustamente o contrario da aposta que fai leonesismo que busca a creación dunha nova comunidade autónoma negando o carácter provincial do Bierzo (brutal) ou esa aposta (en falso) de dar cabida a reformas estatutarias (Asturias) que dea lugar a comunidades con tres idiomas cooficiais (brutal novamente).

A aposta que fai A Quinta, ten ademais a virtude de deixar en coiros ese discurso do PP e o PSOE que fai causa na defensa das regras constitucionais. A Quinta non ten un discurso que pretenda saltarse as regras constitucionais senón que busca os consensos políticos para facer uso das mesmas. Negar a posibilidade de que o Bierzo se constitúa en provincia e se integre na CAG é negar as regras constitucionais ás que se agarran os partidos nacionalistas españois. Non dar cabida á lexítima demanda do Bierzo significará deixar ao descuberto as miserias dos españolistas que entenden que nada pode e nada debe cambiar se non se trata dun proceso recentralizador e negador da realidade pluricultural e plurilingüística do estado baseado nun recorte de dereitos colectivos en toda regra.

Miguel Anxo Abraira.

Miño, 23 de Decembro de 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta