As obrigas da universidade

Baixábamos polas escaleiras da Quintana entre grupos de universitarios que falaban sentados en corrillos, aproveitando o sol daquel día de primavera. Erán principios dos anos 70 e estábamos en Santiago por algunha das moitas visitas ao médico que tiven que facer de pequeno. Miña nai iame decindo: “Ves Emilio, son universitarios, cando sexas maior ti tamén irás á universidade”. Baixando aquelas escaleiras, que me parecían inmensas, mais que na universidade eu no que pensaba era na empanadilla e no bocadillo de calamares que nos agardaba no Bar Coruña, na Raiña, un dos sitios onde acostumábamos parar para comer algo, antes de achegarnos ata os Almacenes “El Pilar” a facer compras, e coller o autobus para voltar á casa.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 15/01/2021

Comparte esta noticia

Durante moitos anos para min Santiago e a universidade era mozos sentandos na Quintana e os bocadillos de calamares do Coruña.

Pasei  EXB, pasei o BUP e o COU e pasei as probas de selectividade, e un día atopeime facendo cola na facultade de Económicas para matricularme. Naquela cola, na que todos os anos nos pasábamos horas fixen, o meu primeiro amigo na facultade, Luis, de Lalín, que coma min comenzaba primeiro. No sobre de matrícula aquel curso incluian un caderno, era a Lei de Reforma Universitaria, a LRU, aprobada en agosto, e que para a universidade suporía un salto enorme: abandonar unha estructura de caracter franquista e comenzar a homologarse ás universidades europeas. Aquela lei tamén me afectou a min; sen aquela lei, e sen o que supuso, por exemplo en canto a órganos de representación, tal vez a miña vida teria sido moi distinta a como foi nos anos seguintes. Poucos meses despois formaría parte do Claustro Constituinte e participaría naquela aventura que foi a candidatura “Alternativa Universitaria Galega” que encabezou Xosé Manuel Beiras.

A LRU fixaba no seu artigo primeiro cales era as funcións da universidade ao servizo da sociedade:

“a) A creación, desenvolvemento, transmisión e crítica da ciencia, da técnica e da cultura.
b) A preparación para o exercicio de actividades profesionais que esixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos e para a creación artística.
c) O apoio científico e técnico ao desenvolvemento cultural, social e económico , tanto nacional como das Comuidades Autónomos.
d) A extension da cultura universitaria.”

Eran, e son, as funcións da universidade moderna, da universidade que bebe das aportacións, a principios do século XIX, do barón de Humboldt, un dos fundadores da actual Universidade Humboldt de Berlín en 1810, e na que educación e investigación formaban parte dun todo indisoluble. O pensamente do barón está detrás da famosa conferencia de Ortega y Gasset, de 1926, “Misión da Universidade”, na que se defende ese mesmo principio: a necesaria comunión entre investigación e educación no seo das universidades.

En 2001 a LRU foi sustituida pola Lei Orgánica de Universidade, amplamente contestada dende a comunidade universitaria e que foi modificada en 2007, concluidos os anos do “Aznarato”.

A LOU mantivo a redacción das funcións da universidade no referente a formación e investigación, profundizando nas outras duas funcións, que nos anos anteriores foran agrandándose no seo das institucións universitarias, tanto pola demanda económica como pola demanda social: a valoración e a transferencia de coñecemento: a necesidade de que a investigación universitaria incidira tamén na creación de benestar, e a formación ao longo de toda a vida, que cobra toda a súa relevancia nunha sociedade cada vez mais dinámica e cada vez mais necesita de actualización constante das capacidades profesionais en todos os niveis educativos.

A LRU, a LOU e as dinámicas económicas e políticas, con non pouca influencia dos poderes locais e, case sempre, localistas, levou á multiplicación das universidades públicas en España dende finais da década dos 80, e á multiplicación das universidades privadas, ata eses momentos apenas existentes e case sempre vinculadas á Iglesia, o caso mais coñecido o da Universidade de Navarra vinculada ao Opus Dei.

Na maioría dos casos as universidades privadas, con algunhas excepcións, e voltamos a citar á Universidade de Navarra, ainda que dela me separe un abismo en canto á concepción da sociedade, centráronse nun modelo de negocio vinculado á docencia, que non me atrevería a decir que sempre é de calidade. A investigación científica neses centros é apenas existente, a súa aportación ao incremento do coñecemento irrelevante.

As funcións da universidade non son un menú no que escoller aquelas que nos conveñen ou que mais nos gusten (desde a perspectiva dos inversores detras das universidades privadas as que mais rendimentos económicos producen). As funcións da universidade son todas as que fixa a lei: docencia, investigación, transferencia de coñecemento e difusión da cultura... Todas!.

As propostas do Ministerio de Universidades encamiñadas a esixir que as universidades privadas cumpran co que fixa a lei non é afán de control desmedido: é unha obriga legal da que a administración pública ten feito deixación durante moitos anos. E é hora de que se poña coto a entidades que distan moito de ser universidades, que distan moito de merecerse tal denominación, xa que co uso desa denominación desprestixan a todo o sistema, tanto ás universidades públicas como as universidades privadas que cumpren coas súas obrigas.

É millor comenzar agora a esixir que se cumpra a lei que agardar a que a situación se degrade ata que case non teña volta a atrás ou requira dunhas medidas de dureza inusitada.

A pesares das evidentes diferencias non deixo de pensar nas coincidencias co acontecido hai uns anos en Ecuador, e que tiven a oportunidade de coñecer de perto. O país andino viviu a finais do século pasado e princios do XXI unha febre de iniciativas privadas na educación superior. En poucos anos o número de centros universitarios privados incrementouse con tal descontrol, cunha calidade tan ínfima, que en 2011 o Consello de Educación Superior tivo que supender as actividades de 14 universidades privadas, e activar un plan de continxencia para atender a formación de 40.000 estudiantes virtualmente estafados. Kintto Lucas, político e escritor uruguaio-ecuatoriano (foi ministro de Exteriores en Ecuador e embaixador en Uruguai con Mújica), narra o acontecido nun dos seus libros: “De los bancos de papel a las universidades de garaje: impactos de las políticas neoliberales en la Educación Superior en Ecuador”, de 2015 e que é facilmente accesible en internet.

Velar pola calidade do sistema universitario, sexa público ou sexa privado, é unha obriga. Benvidas todas as iniciativas nese ámbito!.

Antonio López
Antonio López | Fonte: UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recuros Humanos, a Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é vicexerente para o campus de Lugo, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.