Por Xurxo Ayán | Santiago de Chile | 06/07/2013 | Actualizada ás 14:00
"Casa, familia e comunidade na Edade do Ferro do NW" de Xurxo Ayán acaba de ser premiada como a mellor tese do pasado ano pola Deputación de Pontevedra. Unha tese que a empresa de comunicación Xurimaru editou online.
O arqueólogo colaborador de GC atópase nestes momentos en Chile. Desde alí chega a a súa segunda crónica:
O primeiro avión de Santiago de Chile a Calama adoita estar ocupado por enxeñeiros e técnicos que co casco na man acoden ás minas de cobre, fan a súa xornada e retornan á capital no mesmo día. Compartimos viaxe tamén cun grupo de rebuldeiros adolescentes que dan inicio á súa viaxe de fin de curso. Estas “giras de estudios” procuran que o alumnado coñeza o país, un Estado longo coma un día sen pan, moi difícil de vertebrar. É por iso que o investimento na mellora das estradas acompáñase dun cartel propagandístico que recolle o lema: “Uniendo chilenos”. É por iso tamén que o nacionalismo estatal é moeda corrente da poboación urbana, xa for de dereitas ou de esquerdas. Algo que acontece en toda a América Latina.
Dacordo coas cifras oficiais o cobre copa o 54 % do total das exportacións. Chile vive do cobre e da explotación sen condicións dos seus recursos naturais. A minería está en mans dunha elite económica que dicta o devalar histórico do país. Familias con dous ou tres apelidos vascos con residencia nos barrios máis luxosos da zona alta da capital. Como recorda o economista da EHESS de París, Guillermo Larraín (“¿Está agotado el modelo económico chileno?”) Chile é un dos países máis desiguais do mundo, como consecuencia da rendición do Estado aos postulados neoliberais. Doutra volta, o desentendemento do Estado ao non intervir nos roles produtivos conlevou que a economía se especializase en sectores como a minería ou a explotación forestal. As forzas do mercado marcaron un incremento estratosférico do prezo do cobre na última década, o que lexitimou a explotación deste recurso a unha escala inimaxinable. A cidade de Calama é o epicentro desta febre do cobre, un non lugar, unha recreación de Mad Max en pleno deserto. Dumpers xigantescos obrigan aos condutores a poñer unha pértiga no veículo para que poidan ser apreixados e evitaren así seren esmagados polas máquinas do Progreso. A devoción polo Deus cuprífero leva a Chile ao custe enerxético máis alto de toda América, á contaminación masiva por arsénico e metais pesados dos acuíferos que levan séculos, dende época prehispánica, sendo utilizados polas comunidades locais. O avance da minería non entende de dereitos comunais, devanceiros nin identidades. Do mesmo xeito, o colonialismo español actuou no seu día en Marrocos e no Sahara, ao servizo da burguesía que procuraba a explotación económica dos recursos mineiros da zona. Daquela servía incluso gasear os rifeños. Hoxendía as empresas mineiras actúan no deserto de Atacama coa chulería mafiosa de quen se sabe imprescindible como esteo da economía nacional. Doutra volta, no Sur do País continúa a ofensiva estatal contra o pobo mapuche, da que non se fala nos medios de comunicación. Eu vin hai pouco, nun vello manual inglés de Antropoloxía, un retrato dun burgués de Santiago de Chile nunha xornada de caza, a comezos do século XX. Fachendoso, amosaba o seu fusil e pousaba o pé por riba da testa dun mapuche, a peza cobrada aquel día. Os tempos mudaron, pero os mapuches seguen sendo un estorbo para o desenvolvemento nacional, isto é, para a rendibilidade económica das corporacións que depredan o país.
Dende Calama recalamos en Chiu-Chiu, unha pequena vila de fondo poder simbólico para a comunidade atacameña. Aquí fora axustizado polos españois, no século XVIII, Paniri, un xefe local que se desvinculou de El-Rei. A poboación atacameña foi recoñecida polo Estado como comunidade “indíxena” en 1993. Os veciños quechuas xa da parte de Bolivia esmendréllanse e rinse dos atacameños xa que pensan que estes inventaron da nada esta condición de cultura diferenciada. O certo é que estas comunidades está loitando polo seus dereitos ancestrais e polo uso consuetudinario do seu territorio, enfrotándose pola vía legal ás mineiras e ao Estado. E neste xogo, o Patrimonio arqueolóxico é un activo máis. Mesmo chegaron a financiar escavacións para demostrar a antigüidade das súas canles de irrigación e empregar esta evidencia nas súas reclamacións.
Onte foi xornada eleitoral e o pobo chileno elexía nas primarias os candidatos que presidirán as dúas grandes coalicións. O pinochetista Longueira seica vai ser o candidato nostálxico da dereita, mentres que Bachelet, retirada até o momento na ONU, arrasou nuns comicios aos que acoderon tres millóns de chilenos. O voto non é obrigatorio en Chile. O problema é que está vetado para os residentes no estranxeiro, coma os colegas Esther e Manuel, doutorandos na Universidade de Arizona. Unha plataforma (“Haz que tu voto vuele”) reivindica este dereito. Todo o mundo sabe que esta medida, aínda non abolida por Piñera, foi unha estratexia da dereita para evitar o voto dos miles de exiliados que fuxiron da vesania feixista de Pinochet.
Os carabineros ocupan a mesa eleitoral en Chiu-Chiu. Unha compañeira, arqueóloga chilena, coméntame que unha nova lei impide insultar agora aos carabineiros, a onde temos chegado. Chiu Chiu non ten retén de carabineiros. Isto explica que non se poida vender alcohol nesta vila de 200 habitantes, agás nun único establecemento autorizado, para beber no seu interior. Esta peculiar Lei Seca tenta combater o alcolismo (que causa estragos na rexión boliviana fronteiriza) e amosa unha curiosa forma de entender a orixe da conflitividade social.
No deserto zoa o vento nunha noite xélida de lúa chea que fai aínda máis rechamante a Vía Láctea e a Cruz do Sur. O parte na radio local abre con dúas novas. Coincidindo coa resaca eleitoral, o concello de Santiago de Chile acordou trocar o nome da avenida 11 de Septiembre (data do golpe contra Allende) polo nome de Avenida Nova Providencia. O circo do Hermanos Fuentes Gasca acaba de chegar a Calama. Entre os seus espectaculares reclamos destaca a presenza do Pallaso de Pallasos e dos Motoristas Suicidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.