O sexto edificio do Museo de Pontevedra levará o nome de Castelao, reparando así unha "inxustiza histórica"

Estase pensando tamén na posibilidade de realizar algún tipo de evento conmemorativo en función das posibilidades que permita a pandemia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2021 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O Museo de Pontevedra dará o nome de Castelao ao seu sexto edificio, reparando con iso unha "inxustiza histórica", segundo anunciou este xoves o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, que lembrou que o ilustre galeguista foi un dos fundadores do Museo, membro do seu Padroado, e a persoa da que a institución pontevedresa conta con máis fondos, aos que vén de sumar o 'Álbum Nós'.

Segundo explicou o vicepresidente, a iniciativa partiu do Consello Asesor do Museo, que a aprobou por unanimidade na mesma reunión do 4 de novembro na que se tratou a adquisición da colección 'Nós'. "Temos o convencemento de que a unanimidade do Consello Asesor e a transcendencia que colle o Museo adquirindo a colección 'Nós' completará a reparación de certa inxustiza histórica con Castelao", declarou Mosquera.

O nomeamento de 'Edificio Castelao' seguirá a partir de agora varios trámites administrativos desde a Deputación para facelo oficial. Sopésase tamén a posibilidade de realizar algún tipo de evento conmemorativo en función das posibilidades que permita a pandemia.

FONDOS DE CASTELAO

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, destacou que, a día de hoxe, unha parte moi significativa da produción artística e intelectual de Castelao exhíbese e se custodia neste Museo, que alberga entre os seus fondos máis de 2.000 obras ou pezas pertencentes a este artista e intelectual, "un dos alicerces básicos sobre os que asenta a nosa identidade como pobo", dixo.

Castelao colaborou activamente na creación do Museo de Pontevedra, realizando mesmo apuntamentos ou debuxos sobre as reformas arquitectónicas do edificio Castro Monteagudo, o primeiro dos edificios do Museo.

O rianxeiro tamén iniciou a súa propia colección no Museo cando en 1931, sendo membro do Padroado fundador do Museo de Pontevedra, depositou once das súas obras, e manifestou o seu desexo de reunir o máis destacable da súa produción na institución pontevedresa, un depósito que sería posteriormente adquirido en 1964 á súa xa viúva Virginia Pereira, quen legou tamén un gran numero de orixinais da súa propiedade.

Desde ese momento e ata a actualidade, novas doazóns, depósitos e compras ampliaron a relevancia da colección "grazas á postura proactiva dos anteriores directores do Museo, Filgueira Valverde e Carlos Valle", indicou Rey.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta