Investigadoras de Compostela denuncian o "desmantelamento" da investigación pública en Galicia

Critican a inexistencia de políticas que garantan a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/01/2021 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

O colectivo Asemblea de Investigadoras de Compostela alertou do "desmantelamento do sistema de investigación pública en Galicia" ante a próxima publicación das convocatorias predoutorais e posdoutorais (iniciación e continuación) da Xunta de Galicia para o 2021.

Fotografía dunha concentración diante da reitoría
Fotografía dunha concentración diante da reitoría | Fonte: ASEMBLEA DE INVESTIGADORAS DE COMPOSTELA.

Denuncian "o retroceso" na convocatoria de axudas á etapa de formación posdoutoral, ademais de criticar a cancelación da convocatoria de 2020 que, segundo o colectivo, "deixou no paro e provocou un baleiro de oportunidades por centos de investigadores de Galicia", e sinalaron que a de 2021 "non cobre o número de axudas equivalentes á suma das convocatorias de 2020 e 2021".

"A Xunta de Galicia deixou ao sector da investigación sen alternativas posdoutorais durante unha anualidade enteira (2020) e negouse a blindar o número de prazas e duplicar o número de contratos para 2021", destacou Investigadoras de Compostela, que tachou de "golpe mortal" a actitude de "deixamento" de Administración autonómica, á que xa trasladaron as súas peticións.

O colectivo lembrou, ademais, que a eliminación das axudas posdoutorais do 2020 representa "unha traba aínda maior para aquelas persoas para as que o ano pasado constituía a última oportunidade de optar a estes contratos", xa que, segundo explicaron, un dos requisitos para solicitalo relaciónase coa data límite de finalización dos estudos e de lectura de tese.

"Unha parte do colectivo investigador que non tivo acceso a oportunidades durante o 2020 quedará excluído da convocatoria do 2021 debido aos límites de finalización dos estudos", apuntou Investigadoras de Compostela.

RECORTE NOS SALARIOS E NAS HORAS DOCENTES

Ademais, sostén que a ausencia dun calendario fixo e estable de convocatorias provocará máis atrasos e novos prexuízos para o colectivo posdoutoral, xa que "todos os investigadores e investigadoras de Galicia que defendan a tese durante o 2021 deberán esperar ata 2022 para poder presentarse á axuda".

Investigadoras de Compostela tamén alertou do "notable recorte de soldo", que acompaña ás axudas posdoctorales de iniciación. "O salario dos investigadores é ata 10.000 euros menor que na anterior convocatoria", subliña.

Aínda que recoñecen que ao salario base se lle sumarían complementos salariais se o beneficiario da axuda sae ao estranxeiro a completar o seu traballo e formación, sinalaron que "tendo encuenta a pandemia mundial, non parece claro que esas estancias poidan ser efectuadas".

O grupo tamén censurou recortes nas posibilidades de dar docencia a 30 horas anuais, "cando ata agora o máximo voluntario eran 60 horas e cando xa existe un Estatuto do Persoal Investigador Predoutoral en Formación que regula este aspecto".

"FALTAN POLÍTICAS QUE GARANTAN A IGUALDADE"

"A transparencia e as políticas en materia de igualdade son cuestións que a Xunta de Galicia segue sen solucionar", denunciou o grupo, que lle reclamou ao Executivo galego a publicación das comisións de selección encargadas de puntuar as propostas e a desagregación, na modalidade posdoutoral de continuación, dos criterios e méritos que se teñen en conta para a avaliación.

Ademais, apuntaron que as axudas "carecen de políticas que garantan a igualdade de oportunidades", unha situación que as investigadoras denunciaron respecto das súas maternidades.

Así, tres científicas pertencentes á convocatoria de 2016 denunciaron no seu momento que a Administración autonómica "reafirmaba a discriminación" por acollerse estas mulleres ao seu dereito á baixa de maternidade durante a Modalidade A do programa --a primeira parte do mesmo--, o que dificultaba o seu acceso á sección B, "onde as avaliacións eran negativas nunha porcentaxe moi superior no caso das persoas acollidas á excedencia maternal".

"Puntúasenos a investigación deses meses sen ter en conta que estivemos de baixa e que, por tanto, o volume de traballo non vai ser o mesmo", explica Susana Cid, unha das investigadoras afectadas.

Investigadoras de Compostela cualificou de "inadmisible" este retroceso e reclamoulle á Xunta de Galicia "un marco laboral digno, convocatorias estables e un horizonte de oportunidades seguro" xa que, segundo advertiron, non facelo provocará "fuga de cerebros, atraso científico e precariedade no futuro da investigación enGalicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta