Suspendido o Entroido no 'triángulo máxico' ourensán

Non haberá nin pantallas nin cigarróns nin peliqueiros, nin tampouco desfile de comparsas na capital pola pandemia de covid-19.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 14/01/2021 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

O coronavirus obrigou a suspender o 'triángulo máxico' do Entroido ourensán --Verín, Laza e Xinzo--, unhas das celebracións de entroidos máis emblemáticas en Galicia. As semanas festivas máis recoñecidas por excelencia na provincia de Ourense enfróntase a un ano de cancelacións e suspensións por mor da situación sanitaria. Este xoves confirmouse a suspensión do último vértice do triángulo máxico, Verín anulou o seu entroido.

Praza do Cigarrón en Verín
Praza do Cigarrón en Verín | Fonte: GC

A covid-19 conseguiu cancelar unhas festas que sobreviviran á Guerra Civil. Na maior parte dos concellos ourensáns ou se suspendeu o Entroido ou están en trámites para facelo.

Aínda así, aínda conservan algunha esperanza de realizar pequenos eventos virtuais ou pasacalles en aldeas polas limitacións impostas ante o incremento de casos na provincia de Ourense.

Os cigarróns típicos de Verín foron os últimos en sumarse á lista de entroidos cancelados. A pesar de que esta mesma semana o tenente alcalde do concello, Diego Lourenzo aseguraba que "aínda estaban en conversación", este xoves confirmou o que el mesmo se temía. "Temos a responsabilidade social de pór todo o que estea da nosa parte para evitar calquera tipo de evento ou celebración, polo que suspenden o Entroido", avanzou.

A concelleira de cultura da vila, Emilia Somoza, asegurou que ao tratarse dun dos eventos máis multitudinarios da zona é tamén unha das citas máis importantes para Verín. No entanto, precisamente por iso, implica unha serie de aglomeracións que "agora mesmo porían en perigo a saúde pública e non se poden permitir".

Entroido de Viana do Bolo
Entroido de Viana do Bolo | Fonte: Europa Press.

Ademais, o Concello subliña que "non se podería vivir o entroido realmente" porque "ten parte dunha anarquía que, actualmente, non se podería desenvolver". Así, fan un chamamento aos veciños para que actúen con responsabilidade individual e respecten as medidas de protección vixentes.

O Concello de Xinzo xa fora o primeiro do 'triángulo máxico' en manifestar que se vían obrigados a suspender as festas, porque "é máis coherente ante a situación sanitaria", mesmo antes do novo repunte que tivo a localidade.

Sinalaba por entón que as pantallas, a súa icona do entroido, permanecerían descansando ata o próximo ano no que esperan poder recuperar "o tempo parado".

Para este mes de febreiro, buscan formas de reinventar as festas para non perder as subvencións que xa tiñan destinadas a elas, como proxectos audiovisuais para transmitir o ambiente e a cultura do entroido.

Na mesma liña situouse a organización Enlazados, encargada en colaboración co Concello de Laza da maior parte dos eventos do que son protagonistas os peliqueiros. O outro vértice do triángulo máxico víase obrigado a suspender os actos destas festas, que comezarían o próximo 22 de xaneiro, por mor da situación epidemiolóxica na comarca de Monterrei.

Tanto é así, que suprimiron ata o concurso de elaboración do cartel para evitar o que consideraban "unha posibilidade de efecto reclamo". A organización sinala que ante a repunta de casos na comarca "a decisión estaba tomada", coa pena de suspender a súa cita estrela, que vai ata o 16 de febreiro, coa lectura do testamento.

Do mesmo xeito que en Xinzo de Limia, o Concello de Laza non descarta "algún acto cultural ou conmemorativo" que manteña viva a esencia da festa, pero sen dar maiores detalles ante as novas medidas restritivas.

ENTROIDO NAS ALDEAS

O 'triángulo máxico' non é o único que se suspende. A covid-19 tamén afectou á Mascarada Ibérica, que xa tería que celebrar a súa sétima edición, nela colaboraban Viana do Bolo e Vilariño de Conso, que non cancelaron o seu entroido, senón que se trata dun "adiamento". Non descartan unha pre mascarada en vistas ao ano 2022, confiando en que mellore a situación sanitaria.

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, comentou que as súas máscaras, que xa se viron afectadas no 2020, este ano limitaranse a realizar saídas ás aldeas "se a xente así o quere", pero descarta a organización de calquera actividade por parte do propio concello. Pon especial fincapé na suspensión da comida popular, porque "xuntábanse moitos veciños e de idades moi elevadas".

De Viana do Bolo destaca a súa figura emblemática, o boteiro. A pandemia fixo que quede sen folións e non realizarán o seu tradicional desfile, aínda que no concello veciño de Vilariño de Conso, a alcaldesa non descartou que, do mesmo xeito que en Manzaneda, se poida realizar uns pequeno pasacalles nalgunha das aldeas para, pero só cos paisanos.

Propiamente en Viana do Bolo, o alcalde, Abelardo Carballo, subliña que "non será presencial a festa pero haberá actividades virtuais".

Ata o momento non se pronunciaron os troteiros do Concello de Bande, de forma non se sabe se sairán ás rúas cumprindo o percorrido polas aldeas do municipio.

EN OURENSE ESTUDAN MANTER AS CHARANGAS

A pesar dos intentos do rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, por evitar suspender o entroido na capital de provincia, esta semana resignouse ante o incremento de contaxios na cidade e á vista das cancelacións do resto dos concellos como Verín, Xinzo de Limia e Laza.

O goberno local decidiu cancelar os actos festivos desde o xoves de compadres e de comadres ata a elección do rei e a raíña do entroido, sumándose aos chamamentos á responsabilidade individual.

Con todo, a pesar da anulación, o alcalde manifestou que se atopa "estudando a maneira" de manter ás charangas e a animación de cabezudos para non perder o ambiente e o espírito festivo.

TAMPOUCO HABERÍA FESTA GRASTRONÓMICA

Nin comida popular en Manzaneda, nin festa do cabrito en Vilariño de Conso, da androlla en Viana do Bolo, nin tampouco festa do Botelo no Barco de Valdeorras, pois o seu maior atractivo en datas de entroido únese a longo prazo lista de cancelacións.

As tres comarcas sobre as que aínda non transcendeu como será o seu entroido son Carballiño, Terras de Celanova e Baixa Limia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 galegoexiliado

¿Triángulo Máxico?. Nin Máxico nin farrapos de jaitas. Eso non é mais que o TRIÁNJULO TURÍSTICO. O verdadeiro Triángulo Máxico, ó meu entender, está nos Concellos de Viana, Vilariño e Trives-Manzaneda. lonxe da masificación turística, e donde ainda se conservan as tradicions de pobos e aldeas sen deturpalas a favor do turismo de masas. O resto veñen sendo Carnavales con raices galegas.