Ames multa a unha empresa por atrasos de ano e medio nas obras do novo comedor do CEIP da Maía

A sanción é de máis de 16.600 euros.

Por Galicia Confidencial | Ames | 25/01/2021 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno local de Ames acordou impoñer ao contratista adxudicatario da obra de novo comedor do CEIP A Maía, de Bertamiráns, Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. unha penalidade por importe de 16.613,31 euros, por demora na execución de ditas obras que foron adxudicadas en setembro de 2019.  Ademais, o concello deulle un novo prazo de dous meses para a finalización das obras pendentes, coa advertencia de que a non finalización das obras no novo prazo conferido suporá a resolución do contrato

Comedor escolar
Comedor escolar | Fonte: EP

Cómpre lembrar que o 24 de maio de 2019 a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación da obra de construción do novo comedor do CEIP da Maía, que contaba cun orzamento de execución por contrata de 454.580,82 euros. Este proxecto, incluído dentro do Orzamento municipal de 2019, foi sufragado con fondos propios do Concello de Ames. Tramitado o expediente de licitación, a Xunta de Goberno Local do 12 de setembro de 2019 adxudicou a realización das obras ao contratista Eulogio Viñal Obras y Construcciones SA. 

Posteriormente, o 23 de setembro de 2019 procedese á formalización do contrato, que tiña un prazo de execución de catro meses a contar desde o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación do replanteo que foi asinada o 12 de novembro de 2019, polo que a finalización das obras estaba prevista para o 12 de marzo de 2020. A piques de finalizar o prazo, o pasado 10 de marzo de 2020 a empresa contratista solicitou unha ampliación de dito prazo ata o día 31 de xullo 2020 e, posteriormente, ata o 31 de agosto de 2020.

Deste xeito, a Xunta de Goberno Local do 20 de agosto de 2020 autorizou unha segunda ampliación de prazo, de carácter improrrogable, ata o 31 de agosto de 2020. Transcorridos tres meses dende a data de finalización da segunda prórroga o Concello de Ames, en Xunta de Goberno Local, aprobou o pasado 26 de novembro, o inicio do expediente sancionador por demora na execución de ditas obras.

As penalidades faranse efectivas sobre as cantidades pendentes de abono ó contratista, a garantía definitiva constituída e, no caso de que non alcance, mediante execución sobre o seu patrimonio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta