Gran caída dos salarios en Galicia... será posible a súa recuperación despois da COVID?

Os salarios en Galicia están entre os máis baixos do Estado segundo fontes sindicais. Os datos oficiais pola súa parte, indican que os e as traballadoras galegas cobran o salario medio máis alto da nosa historia. Coa crise económica ligada á COVID, as expectativas salariais en moitos casos están condicionadas aos ERTE, a conxelación salarial ou á tipoloxía de contratación e á expectativa das negociacións entre axentes sociais.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 27/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) a 950 euros supuxo para numerosos sectores laborais un pequeno alivio a fin de mes. A tentativa de subilo aos 1.000 euros por parte do Goberno central quedou niso, en tentativa, pois co contexto de pandemia e crise económica xunguidos, obrigou ao Executivo de Pedro Sánchez á conxelación do SMI. Iso malia teren prometido desde o actual goberno de coalición PSOE-UP un salario mínimo de 1.200 euros para o final da lexislatura. A pregunta é como repercutirá a actual coxuntura no futuro do aumento salarial, polo menos a medio prazo.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. XOAN CRESPO
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. XOAN CRESPO

PERSPECTIVA GALEGA

“Hai unha diferenza entre as distintas escalas salariais” di o secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío. A diferenza está entre aqueles traballadores que non sofren a crise dentro das escalas salariais e os que non. Os primeiros son empregados de industria e administración por exemplo. No segundo caso están empregos feminizados, servizos e xente nova que comeza o seu primeiro emprego.

Os salarios son cada vez “máis precarios para ter unha man de obra máis barata e tamén para buscar unha confrontación entre as novas incorporacións aos postos de traballo e os que xa levan anos” di Ricardo Castro, secretario xeral da CUT. A explicación é que mentres os traballadores con máis antigüidade seguirán con salarios altos ou poderán velos elevados, pola contra, quen se incorpore ao mesmo posto cobrará menos, “con diferenzas de 300 ou 400 euros mínimo”.

As cifras salariais de 2020 non se coñecerán ata febreiro deste 2021 e aínda así xa se pode adiantar que “a precarización salarial intensificouse mediante fórmulas de contratación como riders, falsos autónomos e outros modelos” di Maica Bouza responsable de Emprego de CCOO. Bouza entende que hai unha tendencia á individualización do traballador para romper a homoxeinización laboral.

A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, durante a súa comparecencia este luns na comisión correspondente do Senado, para informar as liñas básicas do seu departamento nun momento no que o pacto de PSOE e Unidas Podemos con Bil. Pool
A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, durante a súa comparecencia este luns na comisión correspondente do Senado, para informar as liñas básicas do seu departamento nun momento no que o pacto de PSOE e Unidas Podemos con Bil. Pool

José Carlos Rodríguez, secretario institucional de UGT Galicia, coincide en que as mensualidades dos e das traballadoras galegas son “baixas”. Non obstante, Rodríguez puntualiza que “en industria son un pouco mellores, mais en sectores como a construción ou a hostalaría son realmente baixos debido moitas veces á baixa cualificación”. Tamén áreas como o comercio e os coidados no fogar tampouco presentan bos índices salariais.

“Entendemos que en moitos casos os salarios non son suficientes” di Ángel Torreiro da Asociación de Empresarios de Ferrolterra. “O ideal é o aumento do poder adquisitivo das familias, mais agora mesmo a situación é moi complexa para a maioría das empresas”. Sería necesaria xa a suba do SMI? Torreiro entende que son numerosos os sectores en situación crítica e por tanto, o incremento de salarios podería facerse de maneira paulatina.

Desde a Consellería de Emprego e Igualdade responden que o salario en Galicia, segundo os últimos datos da Enquisa Trimestral de Custo Laboral (terceiro trimestre de 2020), sitúase en 1.693 euros. No terceiro trimestre de 2016 era de 1.624,04 euros e no terceiro trimestre de 2017 situouse en 1.651,58 euros. Polo tanto, a evolución nos últimos tres/catro anos é favorable”. Desde 2009, Emprego sinala que Galicia incrementou os salarios a un ritmo “do 5,44%, superando o ritmo medio de subida estatal que acadou un 4,64%”.

Indican tamén que os salarios medraron desde o 2009 “na industria, na construción e nos servizos”.  Como dato específico, sinalan que Galicia é a “segunda comunidade cun maior ritmo de subida salarial nos últimos once anos (+19,58%), superando en máis de oito puntos o ritmo de subida en España (+11,31%)”.

SALARIOS

A principal eiva que ven agora mesmo as organizacións sindicais é a derrogación da reforma laborais de 2012. A pregunta que xorde é por que non se teñen derrogado xa cun goberno, en teoría, oposto á última reforma do goberno Rajoy. “Consideramos que é febleza do goberno” di González Sío, “cremos que escapa de lexislar”. En tal caso, preguntado pola cantidade que pode levar unha persoa á súa casa cada mes en condicións laborais, o membro da CIG responde que só o 50% das persoas que están no mercado laboral en Galicia poderían chegar a 1.350 euros a fin de mes. A outra porcentaxe estaría cobrando salarios moi por debaixo desa cifra, dificultándolles afrontar o custe da vida en moitos casos.

Existe un empobrecemento salarial que foi aumentado desde os anos 80 e que a partir dos 90 e 2000 fíxoo de maneira moi acelerada. Houbo unha entrada de persoas ao mercado laboral que realizaban labores por mensualidades máis baixas, “mesmo en negro” e que supuñan unha competencia aos salarios xa establecidos con anterioridade.

“Hai que ter en conta que os salarios actuais están perdendo  poder adquisitivo, en parte porque a maior parte das persoas se endebedan” analiza Ricardo Castro. “As baixas salariais levan a un camiño de igualar aos traballadores de cara á precariedade”. Facendo unha comparativa entre os comezos da crise de 2008 e a actualidade, Castro ve peor a situación actual cun aumento da precarización salarial en todos os sectores.

Os últimos convenios laborais quixeron colocar o salario medio por riba do IPC e aínda así a capacidade dos soldos non mellorou. Para Maica Bouza a situación que vivimos hoxe arrastra as consecuencias da última reforma laboral “que foi feita polas patronais” e que aumentou as diferenzas salariais por exemplo entre homes e mulleres mediante o uso de complementos como o de presenza. A muller tradicionalmente é a que leva o peso dos coidados na familia, por iso a súa presenza pode verse reducida no posto de traballo fronte á do home que pode estar todos os días. Iso crea diferenzas no momento de cobrar.

É necesario aumentar a presión sindical e mesmo denunciar as empresas que, por exemplo, contratan falsos autónomos” sentenza Juan Carlos Rodríguez. Isto último viuse en sentenzas contra empresas de reparto a domicilio, que acabaron por dar a razón aos que denunciaron unha situación laboral irregular. “Hai que negociar convenios e seguir co aumento dos soldos”.

Ángel Torreiro ante a pregunta de cal sería a cifra idónea agora mesmo dun salario mínimo entende que “se debe subir ata unha cantidade que permita suplir as necesidades de cada unidade familiar”. Alén diso, sobre a derrogación da reforma laboral, Torreiro entende que “agora mesmo non é o principal punto a tratar, aínda que todo é revisable”. As necesidades pasan por centrarse en sectores económicos como hostalaría, turismo e en Ferrolterra a industria, o naval e a situación de Gamesa.

A Consellería de Emprego e Igualdade pola súa banda, indica que o poder adquisitivo dos galegos e galegas mellorou “grazas á boa evolución que se rexistraba no mercado laboral antes da crise sanitaria”. Para afrontar o actual contexto, desde o departamento de María Jesús Lorenzana implementarase a nova Axenda de Emprego para “recuperar o antes posible o emprego perdido durante a pandemia”. Os orzamentos da Consellería de Emprego e Igualdade, 355 millóns de euros, “refórzanse cun incremento do 32% con respecto aos de 2020”.

As actuais perspectivas salariais en Galicia non semellan moi favorables para a maioría de traballadores e traballadoras. Os sindicatos piden a derrogación das reformas laborais como un paso decisivo de cara á mellora das condicións laborais. As empresas non cren que sexa momento de aumentar salarios ante a crise económica derivada da pandemia e co peche e estancamento de sectores produtivos. As autoridades autonómicas, mediante os orzamentos destinados a políticas de emprego, esperan uns resultados positivos de cara á recuperación logo que pase a crise sanitaria.

O peso dos salarios no PIB galego sobe unha décima en 2018, tras oito anos de caída. EUROPA PRESS - Arquivo
O peso dos salarios no PIB galego sobe unha décima en 2018, tras oito anos de caída. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta