A Xunta, de novo no foco da "opacidade" pola xestión dos residuos mineiros de San Finx

Ecoloxistas en Acción pide ao Goberno galego que a seguridade das presas non se convirta en "moeda de cambio" entre a Xunta e a concesionaria do Grupo de Sacyr, antes os riscos de contaminación da ría por metais pesados.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Sucédense as críticas á Xunta pola súa "opacidade", neste caso, na xestión das presas de residuos mineiros do Grupo San Finx. Ecoloxistas en Acción alerta de que a empresa mineira "se nega" a presentar un proxecto de restauración das presas de Lousame, que a día de hoxe continúan en "total abandono".

Balsa de residuos mineiros abandonada
Balsa de residuos mineiros abandonada | Fonte: Ecoloxistas en Acción

Augas de Galicia iniciara en xuño do pasado ano un procedemento para a retirada dos residuos acumulados nas presas número 1 e 2 desa explotación. "Requiríase que no prazo de dous meses presentase un proxecto que comprendese a retirada dos áridos acumulados, e outorgábase un prazo de 15 días para formular as alegacións e propoñer no seu caso a proba que estime pertinente", explican dende a asociación ecoloxista.

Nun informe anterior, datado de xuño do 2017, Augas de Galicia poñía de relevo, de feito, que "no caso da presa 2, cuxo encoro se encontra practicamente colmatado, ao estar situada augas abaixo e ter unha maior altura, o arrastre dos materiais podería producir un importante impacto ambiental coa eventual rotura da presa”.

Ante esta negativa á actuación do Grupo, dende Ecoloxistas en Acción lembran que "a situación das presas e a súa falta de restauración implica riscos severos asociados aos millares de toneladas de residuos mineiros potencialmente xeradores de drenaxes ácidas mineiras acumulados a tan só 7 km augas arriba dos bancos de marisqueo da ría de Muros e Noia e do LIC Esteiro do Tambre, na Rede Natura 2000".

É por isto que Ecoloxistas en Acción, xunto con outras entidades ambientalistas galegas, solicitan a súa personación no procedemento para garantir que a restauración das presas "non se convirte en moeda de cambio entre a Xunta e a concesionaria da mina", paralizada desde 2017 precisamente por non contar coas autorizacións ambientais necesarias, incluíndo a de vertidos. A asociación ecoloxista tamén advertía non hai moito da construción ilegal de depósitos hidrocarburos nas minas de San Finx.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta