Críticas á Xunta pola xestión da Covid no ensino público: "Discútese cada céntimo e cada hora de atención"

Anpas Galegas esixe ao Goberno galego un "esforzo serio en transparencia e información" ao redor da situación na que se atopan os centros escolares e as decisións que se están a tomar.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2021 | Actualizada ás 20:35

Comparte esta noticia

A preocupación esténdese entre a comunidade educativa pola incidencia que a actual situación sanitaria pode ter sobre as crianzas e o desenvolvemento das aulas. Dende a Confederación Anpas Galegas esixen á Xunta un "esforzo serio en transparencia e información" ao redor da situación na que se atopan os centros escolares e as decisións que se están a tomar. Esta terceira onda está impactando de golpe nas escolas galegas cun aumento de casos que cada día rompe o teito do anterior rexistro. Con máis de 3.500 contaxios rexistrados nestas instalacións, 10 centros e escolas infantís pechadas e 169 aulas clausuradas, Anpas Galegas amosa a súa preocupación pola xestión que a Xunta desenvolve ante esta realidade. 

Medidas de seguridade nunha escola infantil de Abegondo. CONCELLO DE ABEGONDO - Arquivo
Medidas de seguridade nunha escola infantil de Abegondo. CONCELLO DE ABEGONDO - Arquivo

"É indiscutible que a seguridade da saúde é o primeiro, pero iso non pode ser escusa para non avanzar na solución dos problemas que saíron á luz dende o 13 de marzo pasado", relatan nun comunicado de prensa en relación á atención do alumnado que non pode asistir ás aulas, ben por confinamento, por ter que gardaren corentena ou por ser poboación de risco. "Logo de dez meses estamos practicamente na mesma situación: a formación do profesorado é escasa, a do alumnado inexistente, e as familias non estamos informadas dos plans dos centros - porque non os hai, maioritariamente -", denuncia Anpas Galegas. 

A confederación carga directamente contra a Consellería de Educación, da que aseguran, "non soubo, nin quixo, preparar o inicio deste curso con atención". "Non se fixeron revisións de currículo, nin programas de adaptación dun alumnado que levaba sete meses sen asistir ás aulas, nin atención sistemática do alumnado que está nas súas casas". Segundo indican, "mentres o ensino concertado se gaba de ter medios e dotacións abondas, no Ensino Público discútese cada céntimo de presuposto e cada hora de atención".

"Fracasa rotundamente a área de acompañamento emocional", engade Anpas Galegas, que teme que fronte a un posible novo confinamento, a comunidade educativa se encamiñe "cara a outro curso perdido", posto que "non se está desenvolvendo a formación en liña". Esta, rematan, é "unha xeración mal atendida e peor tratada por culpa da sistemática incapacidade da consellaría para tomar decisións, e fornecer dos medios, para termos o Ensino Público que merecemos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta