Agustín Agra e os heroes do silencio

“All great sensations dwell in silence” – Alexander Pope

Por Ramón Torrado | Ribeira | 11/02/2021

Comparte esta noticia


1. O silencio. Como o británico Alexander Pope nunha carta ao Conde de Orrery John Boyle, outro poeta, o franco-uruguaio Jules Supervielle opinaba que as grandes sensacións teñen lugar no silencio. Os bicos de amor romántico, as miradas elocuentes, e mesmo os silencios dramáticos na música, no teatro ou no medio do cine que nun principio foi mudo, son exemplos que permanecen na memoria.

O escritor Agustín Agra
O escritor Agustín Agra | Fonte: Youtube

O escritor Agustín Agra naceu na moi literaria vila de Noia, onde houbo anos atrás unha discoteca chamada Prismas como un dos obxectos importantes na súa obra “Silencio”, un compendio de exploracións. Explorador é a palabra adecuada para este autor, pois el fai lembrar aos científicos que buscaban o centro da terra ou ao mensaxeiro do Zar que cruzaba Siberia nas obras de Jules Verne. Como un Phileas Fogg galego ou como o doutor Stephen Maturin encarnado por Paul Bettany na película “Master & Commander”, Agra traslada o espírito dos lectores ás novelas de aventuras ilustradas, nos dous sentidos da palabra. E faino dende unha exquisita discreción, sen ruído, describindo o xeito no cal momentos de silenciosa contemplación levaron a seres humanos valentes e brillantes a descubrimentos e epifanías.
     
2. A delicadeza. Coa delicadeza dun pintor zen, Agra realiza incursións en momentos transcendentais nas vidas de heroes e heroínas do coñecemento científico. O lector viaxa con el para chegar a capítulos tan fermosos como os dedicados a Charles Darwin, a Alexander von Humboldt ou a Sofia Goettsch.

3. Os nomes. Dado que forman parte da beleza de “Silencio”, non diremos os títulos das oito pólas desta árbore. Si que se pode mencionar o engado dos nomes que son guías no camiño. En primeira instancia, están Alexander, Antoine-Laurent, Charles, Galileo, Gregorius, Isaac, Johannes, Louis, Marie-Anne, Nicolao e Sofía. En segunda instancia, aparecen Anaxímedes, Aristarco, Aristóteles, Filolau, Heráclito, Seleuco, Tales e Xenófanes. Son nomes con distinción que fan lembrar a fermosa resonancia da toponimia bíblica.
   
4. A discreción. A cuarta sección ofrece unha clave sobre os propósitos desta obra. Parece querer dicir que se opta por presentar aos descubridores científicos sen entrar a recrear as súas vidas, deixando iso para a imaxinación dos lectores. Así, mantense con pudor o respecto a estas admiradas figuras. É unha postura comprensible. Non obstante, a súa aplicación tería impedido creacións literarias tan potentes como por exemplo “Eu, Claudio” e a súa continuación, de Robert Graves ou “Os idos de marzo” de Thornton Wilder. Talvez a atención intensa das biografías noveladas é unha maneira de manter vivos aos mitos ou seres queridos, como fan os retratos.

5. A mirada. Precisamente un retrato mencionado, o que Jacques Louis David lle fixo a Antoine Lavoisier coa súa esposa Marie-Anne Pierrette Paulze é un dos puntos máis proxectantes de “Silencio”. A necesidade de coñecer esta obra do pintor francés trae unha grata sorpresa: a de encontrar ampliada no teléfono móbil á inxustamente esquecida muller con ollos que nos miran fixamente, consciente da súa valía. David píntaa de pé, nunha posición máis alta ca o do marido (que casualmente ten un aire co grande amigo de Agra, Antón Riveiro Coello), deixando así constancia para o futuro da revalorización que merecen Pierrette e moitas outras mulleres brillantes.

6. A inxustiza. Agustín, colega e amigo no instituto A Cachada de Boiro, destaca pola súa agudeza mental. Posúe a virtude da cortesía, pero resulta temible e electrizante cando aflora a súa indignación diante da inxustiza. No libro, con elocuente contención, o autor vese na aflixida obriga de contar os tráxicos e bárbaros finais que sufriron varios dos heroes, como Giordano Bruno e o propio Lavoisier, soamente por buscar a verdade.

7. A emoción. Se ás veces a mesura caracteriza a varias travesías de “Silencio”, os sentimentos e a implicación persoal toman o mando na sección máis emotiva, a oitava e final, que os lectores máis sensibles vivirán sen reservas con paixón. É probable que sexa aquí onde fai acto de presencia a alma do libro.

8. A mensaxe. Dende as augas que bican as suaves dunas de Corrubedo ate o alto cumio do Chimborazo ao cal case chegou  Humboldt, Agustín Agra lanza ó mundo a súa mirada ilusionada. Comparte cos lectores os seus amplos coñecementos con suma pericia literaria e coidadosa linguaxe, facendo unha obra moi recomendable para todo o público que conte coa virtude da curiosidade, e en especial para a xente nova que el coñece moi ben.
      É posible, despois de todo, que a intención deste autor tan elegante sexa a de incitar a indagar nos protagonistas de “Silencio”, de entrar nos mundos do descoñecido, e acaso a de levar a que mentes plenas de fulgor descubran máis misterios do noso planeta e do universo, seguindo a máxima kantiana “Sapere aude” de atreverse a saber.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes. A súa última novela é Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018)".