O Concello de Pontevedra reclama unha resolución urxente para as verteduras de Cocheiras

A concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme Da Silva, incidiu en que "a Xunta é coñecedora do problema", e tamén da solución e ten ademais orzada a substitución deste colector en 3.695.000 euros, "ten fondos FEDER para facelo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2021 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

A concelleira responsable do Ciclo da auga no Concello de Pontevedra, Carme da Silva, reclamou este xoves á Xunta de Galicia que "resolva con carácter urxente" o problema que está a provocar continuas verteduras no aliviadoiro da zona coñecida como Cocheiras.

En rolda de prensa, Da Silva volveu a lembrar que a maioría das verteduras son consecuencia dunha obra mal executada por parte da Xunta, nun tramo da rede de titularidade autonómica e que o Concello leva desde o ano 2011 reclamando que se dea solución ás deficiencias nese punto da rede de saneamento. "Localizado o problema e coñecida por parte de Augas de Galicia a solución, que o resolva", insistiu a edil nacionalista.

Segundo explicou Da Silva, moitos das verteduras que se producen en Cocheiras non son consecuencia da falta de capacidade da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) senón "da mala execución dunha obra que provoca que se reduza de forma importante a capacidade hidráulica desa canalización".

Tal e como detallou a concelleira, un tramo do colector xeral foi afectado polas obras da ligazón de Mollavao realizadas pola Xunta de Galicia en convenio co Ministerio de Fomento e que supuxeron que, desde o bombeo de Cocheiras, preto de 300 metros de tubaxe de diámetro útil de 1.200 milímetros fosen substituídos por outra tubaxe de 1.000 milímetros, minguando a capacidade da tubaxe nun 30%.

Tamén foron descubertos pozos de rexistro escondidos polas obras constando que preto de 150 metros quedaron con pendente do 0%, o que tamén supuxo unha redución de caudal, polo que se pasou dunha capacidade do colector de 1.200 litros/segundo a outra de 530 litros/segundo, "convertendo ese tramo nun embude". Este problema foi notificado desde os servizos técnicos municipais a Augas de Galicia en diversas ocasións: en novembro de 2011, abril, xullo e outubro de 2012 e xuño de 2015.

Carme Da Silva indicou que esta deficiencia aparece recollida no Plan de Saneamento elaborado pola propia Xunta de Galicia, no que tamén inclúe o 'colector de Cocheiras a Praceres' na relación obras prioritarias, así como na relación de actuacións propostas susceptibles de financiar cos fondos FEDER vixentes

A concelleira responsable do Ciclo da auga incidiu en que "a Xunta é coñecedora do problema", e tamén da solución e ten ademais orzada a substitución deste colector en 3.695.000 euros, "ten fondos FEDER para facelo, é unha obra que non require expropiacións e que se pode executar dunha forma rápida", por tanto o que lle pide "é que proceda á contratación inmediata destas obras para a súa execución e resolver o problema".

Carme da Silva, concelleira en Pontevedra
Carme da Silva, concelleira en Pontevedra | Fonte: pontevedraviva.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta