Por Galicia Confidencial | Cerceda | 06/08/2013 | Actualizada ás 09:00
Ninguén esquece a Moncho Valcarce desde a súa morte, hai 20 anos. Cada ano, a Irmandade Moncho Valcarce conmemora o seu pasamento con distintos actos. Pero este anos será algo máis especial para celebrar o 20 aniversario de quen foi coñecido como "o cura das Encrobas".
A homenaxe terá lugar o 31 e agosto nas Encrobas, no lugar de Pontoxo onde está a igrexa e a súa efixie. Esta parroquia foi emblemática pola rebelión veciñal na defensa das súas terras e casas contra a empresa Fenosa e na que Moncho Valcarce implicouse a favor dos labregos quedando unido para sempre a eles co alcume do “cura das Encrobas”.
Moncho foi un seguidor destacado da teoloxía da liberación o que lle levou a asumir unha praxe revolucionaria integrándose políticamente no campo nacionalista. Converteuse, ademais, no referente fundamental das loitas agrarias nos albores do postfranquismo que fixeron que a súa figura forme xa parte esencial da historia galega.
Premios
A Irmandade Moncho Valcarce quere pechar a súa tradición anúal de homenaxes a este crego cunha serie de actos nos que se concederán os Premios Moncho Valcarce pola Defensa da Terra e pola Promoción da Terra a Manuel Lugris Rodríguez e ao Museo do Pobo Galego respectivamente.
O 31 de agosto haberá unha serie de actividades na súa honra. Así, ás 12.00 terá lugar unha ofrenda floral e un recital poético-musical. Logo haberá xantar popular. O menú consta de empanada, polvo a feira, churrasco con patacas fritidas e ensalada, postre, café ou infusión e licor. As persoas interesadas teñen ata o día 15 e poden escribir ao mail irmandade@monchovalcarce.org
Ao longo do día actuarán as Pandereteirasda Encrobas, Bolboreta (Lydia botana), Cesar Morán, Xosé Taboada, Paco Campos e A Quenlla. Haberá tamén unha exposición e video adicado á figura de Moncho valcarce no local social que se poderá visitar ao longo do día.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.