As bibliotecas comezan a pechar por falla de axudas

Este ano o orzamento dedicado a arquivos descendeu un 36,8% e o de bibliotecas públicas caeu un 39,5 %. A última en pechar foi a de Cabeiro, en Redondela.

Por Xurxo Salgado | Redondela | 13/08/2013 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Golada, Monte Alto na Coruña e agora a de Cabeiro en Redondela. Son algúns exemplos do que está acontencendo coas bibliotecas públicas de Galicia que están comezando a pechar por falta de axudas. Son as primeiras institucións que sufren os duros recortes. Algunhas delas levan sen adquirir novos libros desde hai meses.

A Asociación de Arquiveiros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas de Galicia (Anabad-Galicia) destaca que os recortes nos orzamentos xerais da Xunta "supoñen a asfixia dos centros". Precisamente, os recortes sufridos neste 2013 son "altísimos, respecto ao xa escasísimo orzamento do ano 2012" e os do 2014 aínda son peor.

E é que este ano o orzamento dedicado a arquivos descendeu un 36,8% e o de bibliotecas públicas caiu un 39,5 %. "Nos arquivos recórtanse todas as partidas, e seguen sen abordarse os problemas crónicos de falta de espazo que lle impiden aos centros cumprir as súas funcións, ao non poder recibir transferencias", denunciou recentemente Anabad.

Pecha a biblioteca de Cabeiro, en Redondela

Unha situación que asfixia ás bibliotecas e arquivos, principalmente, aqueles de pequenos concellos ou barrios. Precisamente, o último en pechar foi a biblioteca de Cabeiro, en Redondela. O Centro Cultural denuncia que o goberno local, do PPdeG, débelles o pago de 1.200 euros anuais comprometidos coa anterior corporación.

Este centro denuncia nun escrito remitido ao concelleiro de Cultura de Redondela, Julio Alonso, que "dada a precariedade da nosa economía" ven abocados a pechar a súa biblioteca, que pon a disposición dos veciños uns 3.500 libros, puntos de lectura e computadores.

A biblioteca de Cabeiro é considerada unha "área de lectura municipal" xa que forma parte da Rede de Bibliotecas de Galicia, segundo indican desde o Centro Cultural da parroquia. Ata agora, unha subvención de 1.200 euros do Concello permitía manter o servizo.

"O ano pasado solicitóuselle ao antigo concelleiro (refírese ao popular Alberto Pazos, que abandonou a corporación para entrar no Parlamento de Galicia) polo menos esa cifra para cubrir ese gasto, pero con escusas foi pasando o tempo e seguimos sen recibir a subvención", quéixase na carta o presidente da Cultural de Cabeiro, Manuel Álvarez López, que considera que, ante a actual situación, teñen que fechar a biblioteca.

Outros peches

Non é o único centro pechado este ano por falta de pago dunha subvención. Precisamente, a principios de ano, era o Concello da Coruña, tamén do PPdeG, quen deixaba sen fondos a unha das bibliotecas máis importantes da cidade, a de Monte Alto. Unha situación que os grupos da oposición calificaron como unha medida política para "amordazar ao movemento veciñal".

Tamén fai un ano a biblioteca do municipio dezano de Agolada anunciaba o peche por falta de fondos. Pero neste caso, a loita de Leda, a bibliotecaria local, fixo que cambiara a situación. Primeiro redactou unha carta de protesta -"Xentiña indignada, a ver que vos parece a carta que escribín. Quen a asinaría". Logo promoveu unha petición pública de recollida de firmas en Change.org.

Todo isto chamou a atención de ANABAD-Galicia que saíu en defensa da biblioteca e da súa bibliotecaria. Finalmente a oposición municipal presentou a moción de seguir abríndoa polo menos algúns días e a alcaldía aprobouna. Conseguiuse que a biblioteca de Agolada teña, polo momento, outra "oportunidade". Unha situación da que, desgraciadamente, non poden gozar outras bibliotecas galegas.

Biblioteca Victorinano García Martí en Ribeira
Biblioteca Victorinano García Martí en Ribeira | Fonte: certo.es

Un dos estantes dunha biblioteca pública
Un dos estantes dunha biblioteca pública
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 galegoexiliado

Xa o dixo aquel gran líder e ideólogo da dereita popular: "Muera la Cultura", estes de ahora so están cumprindo o ideario.

1 aforatouradas

Pois si, pero tomando a serio o teu alcume penso que non saberás ainda que 200.000 euros gasta ao ano o concello de Coruña en promocionar as festas taurinas. Con iso daría para manter e ampliar as bibliotecas que pechan. Agora virá algún a decir que as touradas son cultura e que se poden sacar cartos de outros sitios. Un "pais para comer a bocados", como din os da inefable "voztv"

2 Saltapatrás

E mentres pechan as bibliotecas, algúns concellos gastan os cartos en espectáculos de tortura taurina ou poñen á disposición de organizacións franquistas os recursos públicos, como fai o Concello de Cedeira, encabezado polo irmán do exdirector da infame Coz de Malicia e director actual do non menos repugnante ABC.

1 galego do común

As bibliotecas pechan porque sirven para que a xente pense, e iso é moi perigoso para o sistema.