Así vive unha cooperativa de castañas: oito anos crendo no rural e loitando contra pestes, lumes e burocracia

Aínda considerando o estado de abandono dos soutos galegos, a produción de castaña de Galicia representa un 40% da produción do estado. O dato é de Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, un proxecto que cre no seu potencial, traballa arreo por recuperar soutos e que está conseguindo fixar poboación no rural. Falamos cun dos seus socios.

Por X.M. Fernández | Manzaneda | 27/02/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Amarelante Sociedade Cooperativa Galega naceu no 2013, nas Terras de Trives, concretamente en Manzaneda. O obxectivo fixado polos nove socios e socias -Sonia, óscar, Marcos, Natalia, Félix, Davide, Iria, Lito e Luz- era a recuperación de soutos abandonados para a produción de castaña, e a partir de aquí ir dándolle valor engadido ao produto con produtos derivados.

Produtos que comercializa Amarelante. Foto: Natalia Nogueira
Produtos que comercializa Amarelante. Foto: Natalia Nogueira

“Nos comezos desta aventura chamáronnos tolos, idealistas ou utópicos”, confesan na súa páxina web. E todo por apostar polo potencial económico da castaña e crer nas posibilidades de conservar e habitar o rural. Oito anos máis tarde aí seguen, loitando contra as tendencias sociais, os males dos castiñeiros -chancro, avespiña, etc-, os lumes e a burocracia.

Mais xa recolleron varios recoñecementos polo seu traballo, un deles hai case dous anos. Recibiron o Premio AGADER 2019” no apartado de ‘Loita contra o abandono e a prol da mobilidade de terras’.

Falamos do proxecto, con máis vagar e profundidade, con Davide Rodríguez.

Como xurdiu a iniciativa de montar a cooperativa Amarelante?

Souto de Manzaneda. Foto: Natalia Nogueira
Souto de Manzaneda. Foto: Natalia Nogueira

Xurdiu diante de preocupacións que a día de hoxe están latentes no tecido social económico ou produtivo no que se ve inmerso o noso rural. Pensamos que se nos marcabamos o obxectivo de recuperar os soutos abandonados e reactivar a produción de castañas de calidade, non só estabamos a facer un traballo da conservación do sistema souto importante, senón que tamén iamos aportar o noso pequecho gran de area no que atinxe a reactivación socioeconómica do noso concello.

Promovemos unha volta ao medio rural, cunha visión integradora, de respecto mutuo, feminismo, solidariedade intraxeracional, desenvolvemento comunitario e participación social, autoxestión e apoio mutuo.

Foi difícil conseguir o arrendamento e/ou a compra de soutos?

Ao comezo non foi doado. A administración non ten ou non quere ter ferramentas eficientes de acceso á terra para pequenas emprendedoras con proxectos sostibles.

A día de hoxe o panorama reverteu, e son as propietarias as que nos veñen ofrecer os terreos despois de ver o traballo de roza, demouca, vacinación ou solta de Torimus que estamos a facer nos soutos que collemos.

"A día de hoxe o panorama reverteu, e son as propietarias as que nos veñen ofrecer os terreos..."

Como foi a evolución de pasar da venda de castaña fresca a vendela seca e transformala?

Foi doada no momento que xa a tiñamos proxectado dende o momento que constituímos a cooperativa. Certo é, que unha vez que te pos a “procesar o proceso” para transformar van xurdindo atrancos. Dende a burocracia ata as administracións, pasando polas obras e adquisición da maquinaria precisa.

Que produtos comercializades na actualidade? Cales considerades que teñen máis demanda e máis rendibilidade para vós?

A día de hoxe miramos máis para a o produto que queremos que lle chegue á xente que confía en nós para mercar un produto ou a súa calidade, que a rendibilidade que nos xera a nós. Moita xente ao ver o prezo da castaña seca nun punto de venta pode pensar que se lle gana moito ao ver o prezo en orixe que se lle paga a xente por un quilo de castañas, pero temos que pensar que para elaborar ese quilo de crocas, precísanse máis de tres quilos de castaña fresca mais todo o gasto de procesado, embalaxe, rexistros, distribución, etc...

A día de hoxe estamos a comercializar castaña fresca na tempada de outono, e castañas secas, fariña de castaña e bica de fariña de castaña o resto do ano.

"Estamos agora mesmo con outros tres produtos en vía de desenrolo"

Certo é que estamos agora mesmo con outros tres produtos en vía de desenrolo e que nos gustaría sacar xa este ano. Un petisco salgado de castaña, uns copos de castaña para mollar e unha bebida vexetal elaborada con castaña.

Os cooperativistas que formades parte do proxecto vivides en Manzaneda e de Amarelante?

Cando comezamos só estabamos aquí fixados o 60% das socias (entre os Concellos de Trives e Manzaneda). A día de hoxe, compañeiras de Ourense e Paderne de Allariz xa mercaron aquí casa polo que o 100% estamos aquí.

Con isto estamos a conseguir un piar moi importante que nos marcamos á hora da constitución da cooperativa que era a fixación de xente moza no rural para dedicarse a produción sostible no sector primario da agricultura.

Respecto ás axudas que se ofrecen para emprender no rural, cal é a vosa opinión?

As axudas nunca son suficientes e na meirande parte dos casos non se adaptan a realidade do país que temos. Que quero dicir con isto? Un exemplo: nos primeiros anos da liña de axudas para a plantación de castiñeiros, pequenas produtoras non fomos quen de facer fronte as esixencias da consellería para plantar castiñeiros namentres que Amancio Ortega plantou máis dun cento de hectáreas en Sobrado dos Monxes.

A pesares disto, dende Amarelante fomos quen de facernos con premios como o Premio á Promoción do Cooperativismo -no ano 2015- ou o premio que nos deu AGADER no 2019 no apartado de “Loita contra o abandono e a prol da mobilidade de terras”. Premios que sen dúbida nos dan folgos para poder seguir a facer o traballo que levamos feito nestes case sete anos.

E que me dicides do proceso de comercialización. Está sendo complicado poñer os vosos produtos no mercado?

Autoxestión. A día de hoxe as ferramentas que che ofrecen distintas administracións son escasas ou nulas en moitos casos, polo que somos nós, as socias da cooperativa, as que por medio de distintas canles nos imos metendo nun mercado, que por mor da globalización e de hábitos de consumo non axeitados, cada vez é máis esixente.

Coa crise da Covid a opción de acudir a Feiras e Mercados Agroalimentarios reduciuse case totalmente. Contádenos como vos afecta.

A crise da Covid foi un pau na roda para moitos sectores e o noso non foi alleo a el. Denunciamos abertamente por medio de varias canles a situación e puxémola en coñecemento da consellería, aínda que recentemente foron os concellos os que as prohibiron. Está demostrado que son máis seguras as actividades ao aire libre, onde habitualmente se celebran este tipo de feiras alimentarias, que en recintos pechados como supermercados e grandes cadeas de distribución.

Respecto á venda en tendas de alimentación e vía online que tal?

Realmente ben. Os tempos novos precisan de medidas tamén novas. A adaptación neste sentido é vital e convértese nunha canle máis para os pequenos negocios. Aínda que actualmente contamos con máis de 23 tendas de venda física entre Galiza, Euskadi ou Madrid, na nosa web pódese mercar calquera dos nosos produtos e disfrutar deles nun mínimo espazo de tempo e sen saír da casa.

"Contamos con máis de 23 tendas de venda física entre Galiza, Euskadi ou Madrid"

Para rematar, disque a produción de castaña a nivel de Galicia está moi desaproveitada. Pasa o mesmo en Manzaneda e Terras deTrives en xeral?

En Galiza, nun ano normal prodúcense entre 15.000 e 25.000 toneladas deste froito. A pesares do abandono do rural ou do envellecemento da poboación rural, a produción galega, a día de hoxe, representa o 40% da produción no estado español e o 10% da produción europea; e iso que están en estado de abandono a maior parte dos nosos soutos, estando sen aproveitar a súas castañas.

A pesares de que houbo un reponte nos últimos anos no aproveitamento do castiñeiro, distintas enfermidades como a tinta ou o chancro, a chegada da avispilla ou a seca dalgúns anos, están a botar para atrás a xente á hora de recuperar os soutos dos seus avós ou de cara a facer plantacións novas.

Segundo a IXP Castaña de Galicia, a superficie total de soutos produtivos rolda as 38 mil hectáreas. Non temos cuantificada a superficie que pode estar en desuso a día de hoxe nos soutos dos concellos de Manzaneda e arredores, pero eu atreveríame a dicir que máis dun 50% están a poula.

Recollendo castañas en soutos de Manzaneda. Foto: Natalia Nogueira
Recollendo castañas en soutos de Manzaneda. Foto: Natalia Nogueira
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta