Galegas 8M propón unha folga de mulleres 24 horas e reivindica o papel da muller nas labores de coidados

O colectivo motiva á poboación feminina a que enchan as rúas e que secunden as folgas convocadas co fin de mostrar que, sen elas, o mundo párase.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Galegas 8M, a plataforma que mobiliza as mulleres cada 8 de marzo a saír a reivindicar os seus dereitos, convocará no Día da Muller unha folga de 24 horas de mulleres e mobilizacións nas comarcas ou vilas baixo o lema 'SEN COIDADOS NON HAI VIDA'

Cartaz do 8M
Cartaz do 8M | Fonte: Galegas 8M

O colectivo, que leva catro anos propoñendo actividades para conmemorar este día, tivo que pensar unha nova forma de levar a cabo as accións que tiñan en mente debido á crise sanitaria pola Covid-19. "Pese a todas as restricións e limitacións, o movemento feminista galego non vai ficar calado, nin os problemas das mulleres confinados tras as portas", defenden dende Galegas 8M.

COIDADOS NO CENTRO DAS REIVINDICACIÓNS

Por isto, propoñen unha folga de mulleres de 24 horas poñendo os coidados no centro das reivindicacións porque, defenden, que "o traballo de coidados debe ser o centro e motor da vida e a meirande parte destes traballos realízanos mulleres sen remuneración algunha. E cando estes traballos son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente".

 

Ademais, durante o Día da Muller, Galegas 8M denunciará que a crise económica dos últimos anos está a utilizarse para reprivatizar a reprodución social que ao final afecta tamén ás mulleres: "os recortes no gasto público, en servizos de coidado, sanitarios e educativos, lograron que unha parte deles regresaran ao fogar recaendo máis unha vez sobre nosoutras".

 

E destacan que "un número elevadísimo de mulleres víronse na necesidade de deixar os seus empregos e a súa independencia económica para poder sobrevivir, porque reiteramos, sen coidados non hai vida".

 

MOBILIZACIÓNS NAS RÚAS

Por outra banda, dende o colectivo defenden que é "imprescindíbel a mobilización de rúa e que as reivindicacións do feminismo sexan dende xa prioritarias á hora de afrontar a actual realidade social".

Tamén, Galegas 8M reivindica a súa capacidade de "espallar a loita feminista e dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas que traballan arreo e de forma continuada na defensa dos nosos dereitos nos distintos eidos da sociedade".

MANIFESTO

O pasado sábado 20 de febreiro, na última asemblea para a preparación do 8 de marzo, a plataforma Galegas8M, veu de acordar o manifesto que resoará nos diferentes lugares da Galiza na nosa xornada de Folga.

Contra un sistema, capitalista e patriarcal que asigna ás mulleres as tarefas de coidado, xerando o poder do mundo público e masculino, desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos. E para concienciar da importancia de todos eses traballos invisíbeis que permiten a reprodución e o mantemento da vida, porque sen nós o sistema cae.

 

· Porque os traballos dos coidados que son remunerados, realízanse en condicións de precariedade e son infravalorados tanto social como economicamente, mesmo a pesares de resultaren actividades esenciais.

 

· Pola corresponsabilidade tanto no reparto de tempos coma de traballos.

 

· Contra a privatización dos servizos esenciais para o coidado, residencias, servizos de axuda no fogar, escolas infantís,... que enchen o peto duns poucos, a costa de escravizar a moitas.

 

· Para denunciar que na xestión da pandemia, as medidas laborais para a conciliación consistiron en reducir a xornada ou abandonara o traballo, abocando as mulleres a unha perda do seu nivel adquisitivo.

 

· Porque o traballo a distancia foi unha trampa para un importante número de mulleres, que sofren un detrimento da saúde física, emocional de psicolóxica.

 

· Para esixir dereitos para maternar de forma digna, denunciar a violencia exercida contra as nais.

 

· Para denunciar a precariedade das pensións das mulleres galegas.

 

· Para esixir que as empregadas do fogar deixen de formar parte dun réxime especial.

 

· Polos miles de mozas que se viron obrigadas a emigrar nas últimas décadas.

 

· Por todas aquelas mulleres que foron agredidas e desatendidas en plena pandemia.

 

· Porque esta pandemia levou a unha situación límite a moitas mulleres que xa estaban nunha situación de exclusión, pobreza, e precariedade.

 

· Pola demanda de despatoloxización e de autodeterminación, das mulleres trans.

 

· Pola situación de especial vulnerabilidade á que o estado expón ás mulleres presas.

 

· Porque estamos fartas de que o traballo no fogar, nas terras, e nos coidados funcione como un amortiguador dos efectos devastadores da crise no benestar das persoas.

 

· Por aquelas que hoxe non poden estar, por aquelas que enchedes os vosos balcóns de reivindicación feminista.

 

Temos a forza para conquistar ese mundo tamén noso, xusto e igualitario. E avanzamos para acadalo desde a insubmisión, a rebeldía e a loita!!

 

Abaixo o patriarcado capitalista e colonial! 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 aczu

Que o sistema capitalista e patriarcal " asigna" as mulleres o papel dos coidados. Por favor. eso sería na edade media. Hoxe ninguén quere que ninguén lle " asigne" nada. ninguén agacha a testa. Coma se eso fose verdade, ou as mulleres hoxe vivisen coma na edade media. E iso da " violencia" exercida contra as nais, simplemente non a vexo por ningures ¿ Ula esa " violencia" ?