1 de 57 en Viaxes seguinte

A autovía do ceo

A República dos Soños permite ó navegante emocional Gabriel Rei-Doval recupera-lo corpo enerxético de Teresa Doval no seu sexto cabodano

Por Gabriel Rei-Doval | Montesano, Estado de Washington (USA) | 01/03/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

O meu periplo polo Pacífico continuaba, coas ausencias ó lombo e a costa do Pacífico por diante. Logo dunha noite sen durmir en Seattle e maila visita onírica a Roslyn, a ruta cara ó sur non podía agardar máis. Era tempo de retoma-la Highway 1, a autovía do ceo

Teresa Doval e Teresa Grela, na década de 1940
Teresa Doval e Teresa Grela, na década de 1940

A falta de sono impediume chegar a Aberdeen dunha tallada. Era mellor botar unha soneca en lugar de esnafrarme nunha curva da I-5. Así que tomei a saída de Montesano, onde os Melvins comezaran a súa andaina en 1983. Parei no aparcadoiro de Organics 101 Market en Pioneer Avenue, inclinei o asento e só lembro ser derretido por un cansazo profundo. 

Cando abrín os ollos o aparcadoiro arriara as calzas; no seu lugar, albisquei dúas mulleres a latricaren na liña do horizonte. Entre a néboa xurdiu, coma dun paseo polas nubes, unha moza de rizos albinos e sorriso adolescente acompañada dunha xamanesa de ollar moreno.

A medida que me achegaba, ámbalas facianas facíanse máis claras e as súas voces máis e máis familiares, mentres as ondas do Pacífico batían con forza nos rochedos daquela praia de auga cristalina.

O sorriso grácil da moza agasallaba a faciana adusta da xamanesa. Xa en distancia curta, o aceno da miña man dereita pasoulles curiosamente inadvertido. A enerxética muller e a doce moza albina mantiñan animada conversa, e de súpeto comecei a percibir ambas voces:

-Mamaíña, queremos ir á verbena todas xuntas.

-De noite non hai máis luz no camiño ca a das casas. Con quen vas?

-Con Carmiña e Chicha. E meu irmán tamén irá botar unhas pezas con Pacucha. É a Mercé de Chanteiro. 

Aqueles nomes abríronme os ollos coma pratos combinados. Fixeime nas súas facianas: eran miña nai e miña avoa sete décadas atrás. Como podían falar daquela maneira a oito mil quilómetros de Mugardos? Como estaban tan novas? Como foran quen de arribar ó noroeste do Pacífico? Non estaban as dúas enterradas no Cristo?

Achegueime a elas para collérlle-las mans. Ó aproximarme, as súas imaxes viraron en corpo enerxético que emitía luz ámbar inerte. Daquela sentín a enerxía do seu Ser mentres a conversa continuaba:

-Teresita, non me sexas cualleira. Seica che queima a casa. 

-Mamá, disque irá á verbena aquel rapaz tan falangueiro de Ares…

-Pois sen apartarte de teu irmán Manolo… e ven pronto. Ás doce de volta na casa.

Non daba creto ó que estaba vendo e volvín achegarme a elas. Ó tentar apertalas, a luz iluminou a miña pel, dalgún xeito atravesei a súa silueta ámbar e visualiceinas desde a outra banda daquel espello lumínico. Nin podían oírme nin verme naquel seu universo paralelo. Con renovada ansia, acheguei as xemas dos meus dedos ós cabelos albinos de Teresita, que vibraron ó aire coma solpor en herba verde.

O meu anhelo profundo de recupera-la súa presenza real e completa impedíame ficar coa súa enerxía. Desexei desde o fondo do meu ser viaxar a aquel seu universo elevado e, como Carlos recomendaba, fitei as palmas das miñas mans, meditando todo o meu amor cara a aqueles seus ollos azuis, inmensos coma o Pacífico. 

O océano mudou con vertixe e xurdiu a praia de Chanteiro desde o cumio de Montefaro e logo, cal montaña rusa, veu a caída en picado ata a a enseada do Baño. A piques de amerizar no Esteiro, as miñas ás esvaéronse e o meu corpo saíu de min. 

Sen tempo para reaccionar, un zunido enxordecedor bateu coma punteiro de iridio nos meus oídos e abrín os ollos. Un garda de seguridade con chapeu texano berraba ameazante porra en man mentres un camioneiro de mostacho gañán en U invertido bruaba desafiante desde o seu tráiler. Sen sabelo, aparcara na entrada de carga e descarga do supermercado. Os tempos eran chegados de voltar á outra autovía do ceo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA