Os traballadores de RTVE en Galicia concéntranse contra a renovación "politizada" da súa cúpula

Acusan a PSOE e PP de facer "un reparto de cromos" ao escoller o consello de administración en base a cotas partidistas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/03/2021 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Traballadores de RTVE en Galicia saíron ás rúas das principais da cidades da comunidade este tres de marzo para protestar contra o "reparto de cromos" que, ao seu ver, está a ter lugar no proceso de renovación do consello de administración da corporación pública. A mobilización, convocada polo sindicato CGT, deixouse ver fronte ao centro territorial da radiotelevisión pública, no lugar compostelán de San Marcos, pero tamén ante os seus espazos de traballo en Lugo e A Coruña. 

Concentración de traballadores de RTVE en Santiago de Compostela
Concentración de traballadores de RTVE en Santiago de Compostela | Fonte: CGT

Segundo apuntan dende o sindicato convocante, a mobilización ten por obxectivo expresar o "rexeitamento" dos traballadores da corporación en galicia ante o proceso de renovación do Consello de Administración de RTVE; que, segundo explican, culminou este luns coa publicación no BOE dos nomes dos novos conselleiros e conselleiras.

"Malia as promesas de despolitización da radio e a televisión públicas", apuntan, "unha vez máis as formacións políticas estatais optaron pola designación de cargos en base a cotas partidistas"; unha solución que non foi ben recibida polos traballadores do ente público. En liñas paralelas, critican que o proceso non tivera en conta un baremo máis obxectivo. "De nada serviron as promesas de impulsar un concurso público, baseado na traxectoria, mérito e capacidade dos candidatos, coa fin última de garantir a independencia de RTVE". 

Os traballadores que se veñen de sumar á mobilización critican así que a conformación do novo consello de administración tivera lugar como resultado do "reparto de cromos" entre grupos políticos; aos que acusan de establecer unha estratexia de continuidade co tan criticado sometemento dos medios públicos aos desexos do poder político. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta