Por Walter Burns | Bustarviejo | 27/08/2013 | Actualizada ás 18:58
San Cristobo de Confluencia, onde se ubica a trama da súa cuarta novela, é un evidente trasunto de Santiago de Compostela. Sorprende que un escritor en asturiano ubique a súa narración en Galicia, porque o fixo?
Non me resulta sorprendente: se hai narracións en asturiano ubicadas nos Balcans ou mesmo no Caribe, non entendo por que non pode habelas ambientadas en Galicia, máis aínda tendo en conta a proximidade xeográfica e máis cultural que eu, como asturiano, sento dende logo con todo o galego. Polo demáis, a ubicación da novela responde en parte ao desexo de evocar un anaco importante da miña propia experiencia vital en Santiago. E, por iso mesmo, é unha novela un pouquiño tramposa.
O ambiente no que se moven as personaxes parece unha parodia do nacionalismo galego. Vostede viviu durante un tempo en Galicia. Até tal punto lle resultou susceptíbel de crear unha trama o galeguismo?
Non invento nada: aí estan por exemplo as novelas de Diego Ameixeiras, que xustifican, elas soas, o potencial que o galeguismo ten, en tanto que materia literaria, para soportar o peso dunha historia complexa. Eu falo, si, dunha suposta nación galega triunfante con toda a súa carga de mitomanía, pero se no meu libro hai parodia, quéreo ser de todos os nacionalismos (incluindo o asturiano), que en xeral teñen un problema grave co sentido do humor. Pásalle tamén aos totalitarismos, ou mesmo aos réximes comunistas, e non termina aí a lista. O solemne está sempre moi preto do ridículo. E nós temos en común un subxénero impagable do humor que se chama retranca. Por que non cultivalo?
Atopou moitas similitudes entre a vida política do asturianismo e a do galeguismo?
Atopei. Os discursos, a imaxinería, a fragmentación, a necesidade de construir ou reconstruir unha identidade baseada na alteridade, é dicir: o outro é asi pero eu non, por tanto eu son o que non é o outro, o mal que agarda, a ameaza. Pero sei que hai máis diferenzas que semellanzas, empezando pola capacidade do galeguismo político para acadar representación institucional. Máis alá dun efímero e xa vello logro do Partíu Asturianista, da boa voluntade dun sector de Izquierda Unida que se aproximou ao Bloque por Asturies, ou mesmo do máis que difuso discurso de Foro, o asturianismo, como tal, nunca tivo unha representación equiparábel a do BNG ou AGE. E penso que non vai tela, ao menos a medio prazo.
Como lle sentou aos seus amigos asturianistas que situara a Asturias (no libro chamada Colonia) como parte de Galicia?
Non teño noticias ao respecto. Aínda que agora que o penso, non teño tantos amigos asturianistas... A quen lle sente mal, que busque o psicólogo máis próximo.
"Gallegos y asturianos, primos hermanos" di un retrouso castelán. Con todo, o asturianismo e o galeguismo teñen certa tendencia a tirarse dos pelos a pouco que se presente a ocasión. Por qué?
Non creo que sexan os dous movementos ao pleno os que se pelexan á mínima ocasión, senón sectores deles, eso si, ben ruidosos. Será pola vecindade. E tamén pola disputa de espazos imposibles: anacos de terra que xa non poden separar un río ou unha liña trazada nun despacho. A min préstame crer que a miña primeira filla, que naceu uns quilómetros ao oeste do Navia, é tan galega como asturiana. As etiquetas, para o peixe.
En Galicia, a literatura en asturiano é un total descoñecida. Pasa o mesmo en Asturías, é a literatura galega ignorada máis alá do Eo?
Discrepo. Hai autores notables como Xuan Bello que si que se coñecen en Galicia. Dos que din coñecelo aos que realmente o leron mengua a cousa, pero isa é outra historia. E no lado contrario, ocórreseme por exemplo que a editorial Trabe publicou contos de Méndez Ferrín en asturiano hai xa ben de anos. Si que faltou continuidade, seique interés e sobre todo naturalidade no intercambio. Por desgraza un autor en asturiano (e noi sei se aínda lles pasa ás autoras e aos autores en galego) termina sempre dando explicacións de por que utiliza o idioma que utiliza, e iso é unha señal clara de que temos unha literatura radicalmente anormal. Engado dúas cousas: que os asturianos ben poderíamos (non sei se incluso deberíamos) ler en galego e viceversa; e sobre todo, que se unha literatura é, ou non é, ignorada hoxe nestas fisterras atlánticas é porque xa case non hai literatura que non sexa espello dunha industria neoliberal globalizada.
E vostede que autores galegos actuais lee? Influíulle algún na súa obra?
Xa citei a Ameixeiras, por exemplo. Terminei hai pouco 'Os libros arden mal', de Manuel Rivas, e teño enriba da mesa 'O Siñor Afranio', de Alonso Ríos. Pero volto sempre a 'Arraianos'. Moito me segue a impresionar a delicadeza e a maestría coas que Ferrín escribiu cada páxina dese libro. En xeral trato de ler o suficiente para non perder o idioma. Fíome das recomendacións dos amigos. E todo influíu, claro.
Como definiría o estado actual da literatura en asturiano?
Invisíbel. E isto ten se que ver como un fracaso, porque tivo tempos recentes moito mellores. Naufragou a política de subvencións, nunca existiu un corpus sólido de lectores-compradores, nós mesmos cortámoslle as ás á crítica, como consecuencia moitos autores caíron (ou caímos) na autocomplacencia, as vacas flacas terminaron de desacougar aos que aínda invertían os seus cartos en libros, etcétera.
E a lingua asturiana, ten na súa opinión opcións de sobrevivir a medio prazo se non acada pronto a 'oficialidá'?
Moi poucas. E a oficialidade do asturiano cada vez ten menos posibilidades de chegar porque cada vez lle importa menos ao común da cidadanía. Son pesimista, pero ese é a miña impresión.
A noite e a "mala vida" en Compostela forman gran parte do escenario polo que se moven os personaxes. Realmente en Santiago hai tanta lascivia nocturna?
Só coñezo o pasado. Eu tocaba a guitarra nunha pequena banda no 2002 e tiñamos un concerto semanal cada luns a medianoite na zona nova. E non é que se enchera o local, pero haber, había público. De onde saía aquela xente un luns ás 24 horas? De embaixo do sepulcro do Apóstolo, non era.
A parte dos seus, claro, recoméndenos un libro en asturiano que todo galego debera ler....
Hai libros meus que hoxe avengónzanme, dígoo con sinceridade. Son moi recomendables os artigos de Xuan Bello, as novelas de Xandru Fernández e as narracións de Adolfo Camilo Díaz. Tres exemplos: “Historia universal de Paniceiros”, “El príncipe derviche” e “Imago”. Clásicos non temos, esa é a realidade. Ou polo menos a min cústame identificalos como tales.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.