A Xunta destina case sete millóns en propaganda turística sen saber que pasará na Semana Santa e o verán

Son 1, 2 millóns máis dos destinados en 2019. Precisamente, o concurso recollía a difusión do Entroido --xa pasado-- e da propia Semana Santa --para a que non hai consignas claras--. A estes cartos hai que sumarlles outros tres do Xacobeo e case dous da Secretaría Xeral de Medios en resolucións aprobadas nos últimos meses.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 09/03/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cando Galicia vive no medio da pandemia, aínda recuperandose dunha terceira onda que foi máis grave e brutal que as precedentes, e con moita xente que está en ERTE, ERE ou, directamente, sen traballo, a Xunta acaba de asinar, o pasado 2 de marzo, un novo contrato por valor de 6.915.000 millóns de euros para unha gran campaña de propaganda e promoción turística. 

Feijóo, xunto a Nava Castro, directora xeral de Turismo, nun mitin en Ponteareas (Pontevedra). PARTIDO POPULAR DE GALICIA
Feijóo, xunto a Nava Castro, directora xeral de Turismo, nun mitin en Ponteareas (Pontevedra). PARTIDO POPULAR DE GALICIA

Axencia Turismo de Galicia acaba de contratar  a Avante Evolución de Medios, S.L., Imaxe Intermedia, S.A. e Ingenio media, S.L, para que desenvolvan o concurso para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia. Unhas partidas que, curiosamente, aumentan en máis de 1,2 millóns con respecto ao anterior concurso.

A XUSTIFICACIÓN DO XACOBEO

A pesar de que o Xacobeo 21 non é o obxectivo específico desta campaña e que haberá outras, o Goberno galego xustifica a convocatoria deste concurso, en parte, por este fénomeno turístico para “manter esta tendencia ao longo do ano 2019 e para encarar a promoción do Xacobeo 2021”. Por iso, di, “é preciso desenvolver accións de promoción entre os mercados emisores de viaxeiros máis importantes para a Comunidade galega”, entre as que se atopa una campaña de publicidade global que promova os principais recursos e servizos turísticos galegos.

A Xunta destaca que a Estratexa de Turismo Galicia 2020 quere avanzar en retos como a desestacionalización e a diversificación e suliña que o Camiño de Santiago mantén un crecemento constante superior ao 8%, “polo que se agarda que marque un novo récord histórico e volva superar a barreira dos 300.000 peregrinos, acadada por primeira vez en 2017”.

Obviamente, o concurso aprobado, que é do 2020, non ten para nada en conta o impacto que a covid está tendo no turismo galego e, a pesar de ser aprobado agora, non se incluíron modificacións nos pregos que fagan alusión a nova situación turística, moi condicionada á situación epidemiolóxica.

Neste sentido, o obxecto marco deste novo concurso publicitario, como en anos anteriores, é de “sensibilizar á poboación e aos sectores implicados sobre os valores do turismo e a gastronomía en Galicia”. Para iso, está prevista a realización de cinco ondadas publicitarias, de impacto autonómico e estatal –non hai, curiosamente, ningunha campaña internacional-- ao longo deste ano.

CINCO CAMPAÑAS PUBLICITARIAS

Entre estas campañas destacan unha de promoción turística de Galicia durante a primaveira, potenciando o interese turístico de Galicia durante o "Entroido --que xa pasou--, a Semana Santa --cando quedan tan só tres semanas e sen saber que vai pasar-- e as pontes de maio. Tamén aposta por outras dúas novas campañas no verán; para potenciar o interese turístico de Galicia durante o período estival e para a realización dunha campaña interna de concienciación para ofrecer un bo trato aos turistas que visitan Galicia.

Tamén haberá outra de promoción turística de Galicia no outono, potenciando o interese gastronómico e turístico de Galicia durante o último trimestre e unha última para destacar a variedade da gastronomía Galicia, así como a calidade da súa restauración.

“Estas campañas teñen carácter estimativo e non vinculante. En consecuencia non existe a obriga de contratación dun número determinado de campañas nin está establecido o importe de cada unha de elas”, recollen os pregos do concurso aos que tivo acceso GC. 

TRES MILLÓNS PARA O XACOBEO

Esta nova campaña súmase a outras da Xunta de Galicia spara manter aos grandes grupos de comunicación. E a pesar da crise da covid e das limitadas posibilidades turísticas que ten o país, tamén aprobou recentemente outro concurso de máis de tres millóns de euros para unha gran campaña publicitaria cuxo obxectivo é “promoción turística de Galicia durante o Ano Santo Xacobeo 2021. Unha campaña que se desenvolverá, como máximo, entre o 1 de marzo e o 10 de xullo de 2021 para promocionar un Ano Santo que, debido as a malas previsións deste ano, tamén se celebrará o vindeiro ano.

Con todo, Turismo de Galicia xustifica esta cantidade millonaria en propaganda coa “intención de sensibilizar á poboación e aos sectores implicados sobre os valores do turismo de Galicia como un destino seguro”.  Iso, a pesar de recoñecer que o turismo e as viaxes son dúas das actividades que máis se teñen visto afectadas pola influencia da covid-19.

A este diñeiro hai que sumar outros 2,4 millóns para un seguro anticovid dos visitantes que acudan a Galicia durante este anoTurismo de Galicia usará 110.000 euros dese contrato para realizar, ademais, campañas publicitarias nos grandes medios galegos, a pesar de que o seguro é para turistas doutras autonomías e estranxeiros. 

 

OUTROS DOUS MILLÓNS

Estes dez millóns en campañas propagandísticas súmanse aos case 2 millóns que a Secretaría Xeral de Medios repartiu os últimos días de 2020 de forma directa aos grandes medios de comunicación de Galicia, dos que case a metade son para o Grupo Voz. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta