Xibraltar apunta a Galicia polo auxe do contrabando de tabaco

Un xornalista británico advirte no diario xibraltareño 'Panorama' do "rexurdir" dos contrabandistas no "patio traseiro de Rajoy", constatado polo xefe de Vixilancia Aduaneira en Galicia, Hermelino Alonso. David Eade pide que se investiguen presuntos vínculos do PP coas mafias.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/09/2013 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A crise económica está reactivando o mercado negro de tabaco no Estado e Galicia volve a estar no punto de mira. Aproveitando a lea reactivada entre os gobernos español e británico a conta do rochedo xibraltareño, o xornal 'Panorama' publica un duro artigo do xornalista David Eade no que acusa aos contrabandistas galegos de beneficiarse da saída ilegal de miles de paquetes de cigarros por Xibraltar e outros puntos cara ao mercado español.

Nuñez Feijóo co narcotraficante e contrabandista Marcial Dorado
Nuñez Feijóo co narcotraficante e contrabandista Marcial Dorado | Fonte: El País

Eade recoñece que a saída ilegal de tabaco de Xibraltar por La Línea é incesante, "gústenos ou non", di. "Vaia á fronteira todos os días e verá homes e mulleres españois comprando cigarros que ocultan nos seus corpos para cruzar a España andando ou en bicicleta", describe o xornalista, quen acusa ás autoridades españolas de permitir este tráfico: "Eu seino, vostede tamén o sabe e, polo tanto, a Garda Civil tamén o coñece", denuncia Eade.

O "patio traseiro de Rajoy"

Con todo, ese non é o grande problema do tráfico ilegal de tabaco vía Xibraltar. Para David Eade, este fluxo incesante de consumidores españois de cigarros na fronteira "non ten nada que ver coa guerra contra o tráfico de tabaco". Porén, asegura que "o paquete de cigarros que se compran nun quiosco aquí [Xibraltar] é moi probábel que acabe no patio traseiro de Rajoy, en Galicia" pola reactivación das bandas criminais organizadas.

O tabaco en Xibraltar é máis barato que en España, polo que son moitos os españois que cruzan a fronteira para facerse con grandes cantidades. Como ben apunta Eade, "a compra dos cigarros aquí para o consumo persoal é legal; é só cando os compradores que cruzan a España superan o límite permitido cando se convirte en ilegal". E segundo o propio Eade, son "moitos" os policías e funcionarios de aduanas os que "teñen cicatrices recibidas nas batallas cos traficantes" que tentan introducir ilegalmente cantidades comerciais de tabaco en España".

Tabaco de contrabando incautado
Tabaco de contrabando incautado | Fonte: Garda Civil

Rexurdimento dos contrabandistas galegos

Segundo Eade, o auxe do pequeno contrabando de tabaco na fronteira entre Xibraltar e España estivo motivado pola crise económica española. O xornalista apunta que os cartos que reciben os pequenos traficantes pola venda de paquetes de cigarros "é todo o que teñen para poñer comida nas súas mesas ou pagar o aluguer". 

Porén, o fluxo do tabaco de contrabando está mudando e agora "todo indica que os que están comprando os cigarros" en Xibraltar en cantidades importantes para comercializalos en España "non son bares ou tendas locais, senón bandas criminais organizadas". 

"Segundo os expertos españois, este comercio está agora en mans dos tradicionais contrabandistas galegos", ou dito noutras palabras, "no propio patio traseiro de Rajoy, Galicia, de onde é oriúndo", insiste o xornalista británico. 

Eade observa un interese especial dos contrabandistas galegos para aproveitarse da crise económica e da alza dos prezos do tabaco legal. Os expertos, explica o xornalista, calculan que o 12 por cento do tabaco que se consume en España é de contrabando. "O motivo é simple: en tempos de dificultade económica o prezo dun paquete incrementouse de media dous de euros en tres anos" en España, polo que agora "os contrabandistas galegos están satisfacendo as necesidades dos fumadores" a través do tráfico ilegal.

O xornalista recorre a Hermelino Alonso, xefe do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia, para xustificar o seu argumento. Así, constata que se produciu un "rexurdimento dos vellos contrabandistas de tabaco galegos", pon en boca do funcionario. 

"Moitos deles están sen traballo, non teñen un emprego legal e, polo tanto, para obter ingresos comezaron de novo co contrabando de tabaco", explica Eade. Porén, e segundo Hermelino Alonso, os contrabandistas galegos mudaron os seus métodos de traballo e "na actualidade funcionan en grupos autónomos cuxos membros só se coñecen entre eles", sen existir contactos e redes entre os distintos clans.

Líderes en importación de tabaco americano

David Eade sinala que se ben Galicia é o "centro de operacións do contrabando de tabaco" en España, o produto chega vía Andorra, Canarias e Xibraltar pola fronteira con La Línea. "De feito", prosegue o xornalista, "hoxe os galegos son os líderes na importación de tabaco americano". 

No artículo tamén se referencia a José Antonio Vázquez Taín, o célebre xuíz de Santiago de Compostela pola súa loita contra o narcotráfico. Para este, e segundo apunta Eade, "é moi difícil acabar coas bandas de contrabando de tabaco en Galicia porque a actividade se desenvolve entre as vellas familias que coñecemos todos cara a cara" e que "historicamente mantiveron os seus contactos, coñecen os circuítos e levan mantendo este comercio durante moitos anos". 

"O xuíz tamén sinalou o feito de que unha grande cantidade do produto contrabando é agora transportado en colectores. De feito isto é así, e deixando a un lado Xibraltar e Andorra, a maioría do tabaco ilícito que chega a España faino a través dos portos de colectores e non a contagotas, como en La Línea. Estes colectores chegan a España en grande parte de China, doutras partes de Asia, de Oriente Medio e, ás veces, a través de África", explica o xornalista.

Investigar presuntos vínculos co PP

Para rematar o artigo, David Eade insiste en cargar contra o presidente de España, xa que lle parece "moi irónico que os cigarros que parten daquí probablemente terminan no patio traseiro de Rajoy", recalca de novo.

Eade considera que hai motivos para pensar en presuntos vínculos entre o Partido Popular e os traficantes, e entende que o xuíz que leva o caso dos pagamentos en 'B' de Luís Bárcenas a dirixentes do PP tería que "investigar se cartos das familias galegas do contrabando foron parar ás arcas ilícitas do PPNon me sorprendería que así fose", conclúe con rotundidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

5 eusi

O PP vinculado ao tráfico ilegal? Quen dixo tal? Os que ian nas lista do PP tal vez fosen traficantes ilegais, pero o que metían no bote do PP era todo legal: para campañas, para compra de votos, para carrexo de votantes... Asi é a democracia para os PPaifocos corruPPtos

4 ManoIo2

Ataque británico contra a Espanha e os empresarios que son a base do PP na Galiza i fieis á única nación que é a espanhola. Galiza con Franco, Fraga ou Feijoo sempre epanhola.

3 Gamela

E ao mellor deberamos investigar aínda algo máis... ¿Cómo chega o tabaco de contrabando a se vender nos Estancos coa pegatina da Facenda Pública? :: Somos moitos os fumadores que distinguimos perfectamente un "tabaco en boas condicións" de outro noxento (e seguimos pagando unha fortuna por paquete!) :: Lembrades o caso das contraetiquetas no viño... Pois a ver se alguén se atreve a descobrir que relación hai entre Narcos-Aduanas-Facenda-GobernoDeTurno ???

1 saideafumedecarozo

Ao mellor a relación se atopa no mesmo sitio que a información de que o goberno de Felipe reetiquetaba o tabaco incautado aos contrabandistas e o vendía de xeito "legal". Patéticos gobernos e patéticos quenes os votaron para chegar ao poder

2 Eu Mesmo

Poderíasnos poñer un enlace sobre o que nos estás a contar saideafumedecarozo. Quero dicir, eso de retiquetar o tabaco ilegal e vendelo de forma legal. Paréceme un feito bastante grave que atenta incluso contra a propia saúde das persoas. Por iso é importante que nolo aclares.

3 sen-culotte

non fagas caso que o saideafumedecrozo é outro criminal dos de botarlhe-la culpa a zapateiro. Seguro que pensa que o bombaso nos comboios de Madrid foi cousa da eta.

4 saideafumedecarozo

http://elpais.com/diario/1994/05/24... E,Sr. Sencul.., teño moito pracer en decirlle que a culpa foi de ZapateiroI, e máis FelipeX, e máis Ansarderradeiro. E decir, de todos vós, os que os votáchedes e máis os que os defendedes a día de hoxe facendo de trolls e tentando vender o país baratiño, criticando ás forzas nacionalistas.

5 saideafumedecarozo

http://elpais.com/diario/1994/05/24... E,Sr. Sencul.., teño moito pracer en decirlle que a culpa foi de ZapateiroI, e máis FelipeX, e máis Ansarderradeiro. E decir, de todos vós, os que os votáchedes e máis os que os defendedes a día de hoxe facendo de trolls e tentando vender o país baratiño, criticando ás forzas nacionalistas.

6 Eu Mesmo

O tabaco decomisado polas forza de seguridade do estado e que estaba baixo a súa coustodia desaparecera é moi grave e espero que que se investigara ata o fondo( esto que acabo de escribir non mo creo nin eu). Polo que lín no artigo do El País, e sen quitarlle gravidade o asunto, en ningún momento saíu dos círculos do mercado negro, como insinuaches no teu primeiro comentario sideafumedecarozo.

7 saíde_a_fume_de_carozo

Dúas cousas,Ti_mesmo: Toda ista trama (que inclúe ó Cesid) é por demáis vella, polo que tamén e coñecida de moitos; o segundo a comentar e que o artigo involucra a todo o estado e afirma que formaba parte do esquema de financiamento do PSOE. Engado ademáis que eu non insinúo, AFIRMO que o goberno de FelipeX autorizaba a comercializar o tabaco incautado, reetiquetándoo. Como lin o artigo na Voz de Galicia non vou decir menos que iso, e Ti_mesmo terás que atopar a noticia na voz de Galicia dos anos oitenta. . Canséi de tentar atopar outra vez o artigo ( a devandita Voz, non me deixa buscar na hemeroteca senon dende o 2000). Como eu lin o artigo hai poucos anos como parte dunha pesquisa por outra cousa, non teño problema algún en afirmalo .

2 Eu Mesmo

A estas alturas da historia, despois do que saiu e está saíndo a luz, non podemos negar que PP e mafia son sinónimos. Comparten unha serie de reglas: como a honorabilidade dos seus membros (pertencen as mellores familias "de toda la vida"), coidar das as súas redes clientelares que conforman e lle procuran o seu graneiro de votos e por último a regla máis importante, a "omertá" na que dalgunha maneira de forma activa ou pasiva formamos parte todos. Se non fora por esta crise económica pouco se falaría deste asunto. Nada novo baixo o sol de Galicia. Interesante artigo sobre o tema http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/07....

1 xan soares

ja ja xa o censuraron! sabes algún xeito de recuperalo?

2 Eu Mesmo

A verdade é que puxen o enlace esta mañá e funcionaba. Busca no google por: "inspector de hacienda Galicia dorado el país". É un artigo sobre Luis Rubi "exdirector de Aduanas, destituido tras anunciar la detección de Dorado en 1997, recuerda que el narco "se codeaba con políticos""

3 xan soares

pois xa o atopei, gracias. Por si o outro non funciona, eiquí o poño outra vez. Son unha banda ao estilo do goberno colombiano ou así. http://ccaa.elpais.com/ccaa/2013/07...

1 Coiro

A Galicia de Feijoo sempre sae difamada nos medios, coa súa peor cara por culpa destes noxentos vendidos á corte que nos gobernan. Primeiro foi polo roubo do códice, logo polas amizades co narco de Feijoo, despois polo tren e agora por isto. Temos que por a cara colorada por culpa destes chourizos, inutis que nos gobernan? Os galegos que eu coñezo non os representa esta xente. Velaí o misterio, elíxena eles.