(Vídeo) A RAG celebra o Día da Poesía cos versos do finado Xosé Luís Franco Grande

A través dunha serie de capítulos audiovisuais, os académicos Salvador García-Bodaño, Ramón Lorenzo, Xesús Alonso Montero, Marilar Aleixandre, Henrique Monteagudo, Olivia Rodríguez; así como as fillas do escritor, honrarán a memoria de Franco Grande.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2021 | Actualizada ás 12:56

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega celebrará o Día da Poesía cunha homenaxe audiovisual ao escritor e lexicógrafo da institución, Xosé Luís Franco Grande -finado o pasado 31 de marzo-, a través da difusión dunha serie de vídeos ao longo desta semana nos que distintos membros da RAG recitarán poemas da súa autoría, recordando a súa figura.

Doazón das fillas de Xosé Luís Franco Grande
Doazón das fillas de Xosé Luís Franco Grande | Fonte: Real Academia Galega

A lembranza conta ademais coa participación das fillas do académico, Navia e Rosalía Franco Barreiro, que quixeron formalizar nas vésperas do primeiro cabodano do autor unha doazón á Academia moi especial, a dun dos escasísimos exemplares da primeira edición facsimilar do pergamiño Vindel (1915), un agasallo da tamén poeta e académica Xohana Torres ao seu pai.

PARTICIPACIÓN NA HOMENAXE

Os académicos Salvador García-Bodaño e Ramón Lorenzo -compañeiros da Xeración das Festas Minervais, nas que Franco Grande foi premiado en cinco ocasións- tamén participarán nesta celebración da súa poesía canda os igualmente membros de número da RAG Xesús Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo, e a académica correspondente Olivia Rodríguez.

Cada participante recitará nun dos vídeos un poema do autor, que en 1967 gañou o Premio Nacional Rosalía de Castro co poemario Entre o si e o non, unha obra de corte existencialista nuns tempos nos que nas letras galegas predominaba a poesía social-realista. 

Por outra banda, a serie incluirá unha emotiva colaboración das fillas do autor. Rosalía e Navia Franco recordan nunha conversa o seu pai e recitarán os poemas que este lles dedicou a cada unha delas. "Resúltame moi difícil falar de pai, pero eu diría que, sendo unha persoa máis ben calada, de poucas palabras, sabía atopar sempre a palabra precisa e máis fermosa, tanto nos seus poemas como nas súas conversas con nós", comparte Rosalía Franco.

Pola súa parte, Navia Franco afirma que "cando penso nel, penso fundamentalmente en dúas palabras: autenticidade e Tebra. Autenticidade porque creo que era radicalmente auténtico. Sempre dicía o que pensaba, creo que era moi valente. E Tebra porque esa foi a aldea de Tomiño na que naceu, na que se criou e que nunca abandonou. Sempre formou parte da súa vida, da súa lírica e, por suposto, foi alí onde naceu o amor de pai pola lingua galega".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta